A lingua que hoxe permanece só escrita, reservada aos ritos relixiosos, axuda a imaxinar como podería ter soado a fala dos antigos faraóns
10 oct 2012 . Actualizado a las 12:45 h.A mediados de setembro xurdía, outra vez, a noticia de que Xesús estivo casado, segundo se desprendía dun documento do século IV. Puidémolo ler no XL Semanal, a revista que se reparte con La Voz os fins de semana. O documento é un fragmento de papiro dun evanxeo apócrifo, o que se coñece co nome de Evanxeo da esposa de Xesús, e a noticia di que probablemente fora escrito en grego no século II e posteriormente traducido ao copto.
Obviamente, non imos entrar nesta páxina de lingua a discutir nin do estado civil de Xesús nin da verosimilitude coa que se tira unha conxectura baseada en oito liñas, que é todo o que se pode ler no fragmento, dun texto máis amplo e, ademais, apócrifo. O que nos interesa aquí é investigar qué é iso do copto. ¿Escoitarades antes esta palabra?
SEIS ? SOBRE O COPTO
n ¿Que é? O copto é unha lingua. Semítica, como o árabe, o hebreo, o arameo, o fenicio e outras. Naceu da evolución da antiga lingua exipcia. De feito, copto é como soa o nome de Exipto en árabe.
n ¿Quen? Cero falantes. Ninguén fala copto. Pero tampouco é unha lingua morta.
n ¿Como? Trátase dunha lingua sacra. De xeito parecido a como o latín se mantivo durante algún tempo (é poida que se recupere) nos ritos da Igrexa católica, o copto é a lingua litúrxica dos chamados cristiáns coptos de Exipto. Poucos usan a lingua máis aló dos ritos, a pesar dalgúns intentos de recuperala para a oralidade cotiá.
n ¿Onde? Xa o dixemos. O ámbito desta lingua redúcese a Exipto.
n ¿Canto? Non obstante, son uns cinco millóns de persoas as que a empregan nas súas devocións.
n ¿Cando? Arredor do ano 100 antes de Cristo deixou de escribirse o exipcio demótico e co cristianismo o copto gañou amplitude como lingua falada e literaria. A tradución da Biblia deulle aínda máis pulo. Porén, as clases dominantes falaban en grego. No século V, exipcio e cristián eran sinónimos, pero, coa invasión musulmá, no século XII o árabe pasou a ser lingua única e o copto quedou relegado ao culto e deixou de falarse no século XVIII.
No século XVII Pietro della Valle, un célebre aventureiro italiano, descubriu uns manuscritos, en árabe, dunha gramática e un dicionario da lingua copta. E en 1643 foron ambos publicados con tradución ao latín polo padre Anastasio Kircher. O copto era a lingua exipcia, na súa última etapa. E o alfabeto era basicamente o grego con algunhas letras tomadas do demótico.
Isto ten a súa peculiaridade, pois o grego ten unha escritura alfabética, mentres que a demótica é unha evolución da escritura xeroglífica, que é ideográfica. Pero o que podería ter sido un problema converteuse na principal fonte para imaxinar como se puido ter pronunciado o exipcio antigo.
O copto ten masculino e feminino, que se forma cun -t engadido. E o plural márcase co artigo. Non hai adxectivos (recórrese a perífrases). Para expresar as relacións sintácticas prefire as construcións analíticas no canto da flexión. Ten un sistema pronominal rico e dúas series de numerais: unha para o masculino e outra para o feminino. E a conxugación, rica en tempos, ten formas simples e compostas e unha flexión baseada en prefixos e sufixos.