A chegada do outono significa para moitas especies o tempo de migrar de norte a sur. Sobre todo as aves, pero tamén outros animais, cada unha coas súas curiosidades, que che contamos aquí
03 oct 2012 . Actualizado a las 13:16 h.É outono. Tempo de viaxar. Non o é xa para a gran maioría dos humanos modernos, aínda que si o foi, hai moitos séculos, para aqueles dos nosos antepasados que dependían do ciclo das estacións para obter o seu alimento: cazadores, recolledores e pastores, sobre todo. Hoxe quedan moi poucos pobos nómades no planeta. Tan poucos que os seus costumes son a miúdo estudados polas universidades a fin de extraer deles información sobre como era o modo de vida naquelas remotas épocas nas que se empezou a construír o que somos hoxe.
Agora seica nos desprazamos tan só, no verán, rumbo a algún lugar de descanso. Ou en Nadal, a visitar á familia. Pero non é o mesmo. Non imos e vimos en compañía de moitos animais en busca de mellor tempo e máis abundantes recursos. Arranxámonolas para que os nosos fogares sigan sendo igualmente cómodos no inverno que na primavera. Tamén para dispor na nosa contorna máis inmediata de tendas de alimentación que só nos esixen un paseo para facernos con canto necesitamos para cada semana.
OBSERVAR
A natureza, mentres tanto, seguiu en marcha. De sur a norte na primavera, e agora no outono de norte a sur. Nunca se detivo. Os seus cíclicos desprazamentos teñen a miúdo forma de asombrosos espectáculos. Tamén de pequenas historias de tesón. Algunhas incluso parecen de ciencia ficción.
Presentámosvos aquí algúns exemplos. Seguro que a clase pode atopar moitos outros. Nalgúns casos bastaravos con mirar pola fiestra da aula ou facer unha visita a un xardín para atoparvos con eles. Tamén podedes consultar internet, e incluso debuxar nun gran mapa do mundo ou de Europa as principais rutas dos animais que vaiades descubrindo.
Mentres traballedes con estas ideas, gardade de cando en vez uns segundos para pechar os ollos e imaxinar o que está a suceder desde finais de agosto: como unha lenta marea de millóns de criaturas de todo tipo descende aos poucos de norte a sur, pasa ao redor de vós e segue logo cara a onde fai máis calor, ao mesmo tempo que os bosques se tinguen de vermello, dourado e pardo, os días son máis curtos e chega o frío.
¡Boa viaxe!