É tempo de eleccións

> Silvia Varela

ESCUELA

Jorge Sarmiento Calvo

Alumnos de primaria do colexio de infantil e primaria Unión Mugardesa realizaron unha experiencia para coñecer as reviravoltas dun proceso electoral

03 oct 2012 . Actualizado a las 13:16 h.

O 21 de outubro celébranse en Galicia eleccións xerais. Hai que elixir aos membros do Parlamento e ao presidente do Goberno da Xunta de Galicia e ao partido ou partidos políticos que van gobernar a comunidade autónoma durante os catro anos seguintes. Estamos, pois, en campaña electoral e as mensaxes políticas impregnan a actualidade e os medios de comunicación. As aulas non poden ser alleas a esta trasfega. Por iso ofrecemos esta experiencia, realizada a finais do curso pasado nunha clase de 3.º de educación primaria do CEIP Unión Mugardesa, como unha boa iniciativa para iniciar aos alumnos nos mecanismos que rexen un proceso electoral.

A POLÍTICA ENTRA NA AULA

A aula de 3.º de educación primaria do CEIP Unión Mugardesa convocou, no mes de maio pasado, eleccións municipais infantís á alcaldía do municipio de Mugardos.

Todos os alumnos optaron ao posto, polo que, de forma individual, prepararon os discursos coas propostas que explicarían aos cidadáns durante a campaña electoral. Xunto ás promesas, incluíron un slogan atractivo, con reclamo... «¡Vota a Miguel, por un novo tren!», «¡Vota a Xoana, por un festivo á semana!», «¡Vota a Lucía por unha nova vida!», «¡Vota a Rubén e pasarédelo moi ben!»...

Os alumnos subiron ao estrado e expuxeron as súas ideas para mellorar a vida no municipio e a convivencia entre os veciños. Abundaron as propostas relativas ao lecer: construír unha piscina cuberta, un parque de atraccións, outro acuático, un zoo... Finalmente, celebráronse as votacións.

Os cidadáns esperaban impacientes o momento de ensinar o carné de identidade e exercer o seu dereito ao voto (pequenas papeletas introducidas nunha caixa de zapatos, a modo de urna).

Tras o reconto de papeletas, saíu elixido un alumno, un boísimo alumno, serio, traballador, responsable, respectuoso e mellor compañeiro. As súas propostas, tan boas como xenerosas, abarcaban o campo do deporte, a cultura e o lecer: construír un novo campo de fútbol, unha gran biblioteca, un parque con xogos infantís e unha piscina cuberta. Esta elección demostrou que os cidadáns acolleron con seriedade o proceso electoral e, en consecuencia, optaron pola oferta máis variada.

Quedou entusiasmado o número un, que rapidamente formou o seu goberno nomeando aos concelleiros, e o resto de cidadáns, orgullosos e tranquilos por tan transparente elección, esperaron pacientes que as promesas se fixesen realidade.