Cando o pobo pide contas

La Voz

ESCUELA

Tras un mes no poder, os cidadáns acusaron ao novo alcalde infantil pola tardanza na realización dos seus proxectos e preguntaron polo destino que tivera o diñeiro recadado cos impostos. Cunha naturalidade e ousadía sorprendentes, nunca vistas no noso alumno, este explicou que o diñeiro se atopaba na súa hucha... As caras de sorpresa e decepción dos veciños deron paso a unha espontánea petición de cárcere para o alcalde, non sen antes ter que devolver o diñeiro roubado. Non comprendían como un boísimo alumno, serio, traballador, responsable, respectuoso e mellor compañeiro, con tan boas intencións, podía enganarlles dese xeito.

Ante o ambiente de crispación, a profesora viuse obrigada a destituír ao alcalde e a convocar eleccións anticipadas.

De novo, todos os alumnos, menos un, presentáronse como candidatos á alcaldía. Houbo exposición de propostas durante a campaña electoral e votación. Esta vez saíu elixida unha alumna, tan responsable, traballadora e boa compañeira como o anterior. Entre as súas promesas destacaban as de corte social: construír un novo centro de saúde, un local destinado á mocidade, unha residencia de anciáns... así como dar traballo aos parados, instalar novas marquesiñas nas paradas de autobús e arranxar o colexio e o polideportivo. Tras as felicitacións e eloxios recibidos, a nova alcaldesa formou goberno, curiosamente integrado exclusivamente por concelleiros femias.

Ao día seguinte da súa elección, de forma totalmente casual, repartíronse en clase unha serie de dípticos informativos para inscribirse nun curso de verán de vela e nunha excursión organizada polo Concello de Mugardos para ir ao Parque Acuático de Cerceda. Os «pequenos cidadáns» atribuíron as ofertas á nova alcaldesa así que, na súa totalidade, aplaudiron a iniciativa e quedaron fascinados pola súa eficacia e rapidez na organización do tempo de lecer dos máis novos. Esta vez, si, as ilusións postas nos seus votos tiñan recompensa e recobraban a súa confianza nas eleccións.