A súa vocación foi facer unha literatura apegada ao cotián, caracterizada polo protagonismo da anécdota, dun humor que resultaba amable para o lector
21 mar 2012 . Actualizado a las 13:12 h.Vimos de ler, con ledicia, o pequeno volume que La Voz de Galicia publicou o recente 9 de marzo, coincidindo co aniversario, o décimo, do seu pasamento. Referímonos, claro está para quen le o periódico todos os días, ao libriño que escolma os artigos que neste xornal publicara na sección Á marxe o escritor Carlos Casares, colleita que abrangue desde os anos oitenta ata, precisamente, o 9 de marzo do 2002.
Naceu Carlos Casares en 1941 en Ourense. Comezou a súa tarefa profesional como profesor de literatura no ensino medio, pero ao longo da súa intensa vida tamén foi parlamentario na Xunta, no primeiro período lexislativo desta institución, pertenceu á Real Academia Galega, dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial, e presidiu o Consello de Cultura Galega.
Xa de mozo fíxose evidente a súa paixón por escribir, que se concretou nalgunhas pezas dramáticas, entre outras cousas. E non acabara o bacharelato cando coñeceu a Vicente Risco (unha das súas máis importantes influencias), a raíz de gañar o Concurso Provincial de Contos. Desde aquela gozou sempre de participar nos faladoiros dos intelectuais galeguistas percorrendo con eles unha longa carreira.
Ademais de algúns ensaios, Casares destacou como novelista ou, máis ben, como narrador, pois desenvolveu tal actividade tanto en novelas como nas colaboracións periodísticas. Na primeira faceta estreouse con Vento ferido (1967, un libro composto por 12 relatos), seguido de Cambio en tres (1969) e Xoguetes para un tempo prohibido (1975). Estas son obras nas que o autor ensaia diferentes técnicas de escritura, consonte con outros autores da nova narrativa galega.
En 1979, con Os escuros soños de Clío, considérase que inaugura unha segunda etapa, á que pertencen Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987) e Deus sentado nun sillón azul (1996). Nesta segunda etapa o seu estilo está consolidado. A espontaneidade e a sinxeleza propias do relato oral son o seu principal trazo, co uso dunha linguaxe popular e familiar, facilmente comprensible. E os asuntos atenden ao próximo, o cotián. Todo isto tinguido dun sentido dun humor amable.
Como articulista, Casares abrangueu temas centrados no anecdótico, no que a el lle acontecía, nas súas embranzas, na súa contorna, en viaxes e en lecturas... e nas reflexións sobre o seu gato Samuel, un dos seus protagonistas máis queridos dos lectores. Uns relatos aos que aplicou as técnicas do conto oral: «Eu creo que escribo igual un artigo que un conto ou unha novela. De feito, o que fago no periódico é literatura. A min gústame contar cousas». E nas páxinas de La Voz quedou constancia, como recolle o libriño mencionado, da súa contribución á cultura galega, e sobre todo da súa contribución á normalización da lingua galega.
- Se non tes o libriño «Carlos Casares en La Voz de Galicia», podes ler os artigos de Casares na web. La Voz de Galicia, na súa versión dixital, vén publicando a cotío o blog cos artigos que Casares tiña escrito en vida.