Carlos Callón: «Na xustiza e na política moitos non queren saír do armario»

Mariluz Ferreiro SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

XOÁN A. SOLER

O candidato de Nós pola provincia da Coruña afirma que de pequeniño pensou en ser cura e que Jorquera aceptou facer o vídeo no que se bican «á primeira»

16 dic 2015 . Actualizado a las 16:48 h.

Foi presidente da Mesa pola normalización lingüística. Pero agora quere un asento no Congreso. Carlos Callón (Ribeira, 1978) é o candidato de Nós na Coruña.

-¿Como foi a infancia en Ribeira?

-Fun a un colexio de monxas. Era o único que había na miña parroquia. Non había ningunha monxa galega. En xeral desprezaban a nosa lingua e cultura. Dicían aquilo de «y los de Castiñeiras que brutos sois hablando». Pero algunha falábanos tamén da Teoloxía da Liberación.

-Estudou Filoloxía Galega, ¿foi a súa primeira opción?

-Comecei facendo Administrativo por FP por razóns económicas. Era bo estudante e traballadoriño, pero non podía permitirme unha carreira. Os profesores animáronme a dar o salto e agradézoo. En segundo de Administrativo tiña claro que quería facer Filoloxía Galega.

-¿E antes?

-Meu pai dicíanos que non fósemos mariñeiros. É un traballo moi escravo. De pequeno xa me gustaba a idea de ser profesor. Aínda que de moi pequeniño pensei meterme cura ou así. De pequeno fun moi crente.

-¿Agora é crente?

-Teño unha fonda cultura cristiá, pero non creo. Dicía Saramago que nunha sociedade cristiá non hai forma de ser ateo. Gardo moito da mensaxe do bo cristianismo na política. Temos que ser iguais e hai que romper coa moral imposta desde o poder. Como dicía Xesús, na cuestión da Administración e do ensino, a Deus o que é de Deus e a César o que é do César. Pero hai que respectar as crenzas. É normal que moita xente crea, non temos respostas para moitas cousas. Hai unha distancia enorme entre o que se predica e o que fai a xerarquía da Igrexa e paréceme farisaico.

-¿Que tal profesor é?

-Hai que querer aos alumnos e alumnas. Non significa darlle o camiño feito, hai que facer que dean máis de si. Dou clase en Caldas de Reis. Optativa de Portugués en primeiro da ESO, e Galego e Portugués en terceiro e cuarto. Son xefe de departamento. Fago moita burocracia. Dáme rabia no poder preparar unha unidade como quería por iso. Eu utilizo moito a música.. Encher ocos, traballar o léxico... Síntome moi querido. Os meus alumnos e alumnas dinme que oxalá non saia elixido. Eu dígolles: «Se non me elixen non vou ser o mesmo Carlos, vou estar moi triste polo centro». Case me fan chorar o último día. Abrazámonos coma un equipo de rugbi.

-¿Por que entrou en política?

-Non tiña pensado dar o paso institucional, pero foi pola sensación de impotencia ao ver inxustizas que lle pasaban aos estudantes. Rapaces que non poden continuar os estudos porque non hai bolsas, casos de desafiuzamentos... Párteche o corazón. Dis: «Teño que facer algo máis».

-De momento o seu artigo «O candidato marica» en La Voz o seu bico con Jorquera foron dous dos momentos da campaña galega.

-Tivo moito máis eco do que pensaba. Demostra a necesidade de traballar a igualdade.

-¿Como se planeou o do bico?

-Jorquera dixo que si á primeira. Foi unha idea pensada en equipo... Pero parte foi miña. Os que coñecemos a Jorquera sabemos que ten unha sensibilidade enorme, pero ten unha imaxe de home formal. Parecíame ben o bico dun homosexual cun heterosexual e diferenza de carácter.

-¿Hai necesidade de normalizar a homosexualidade en política?

-Moitos non queren saír do armario en ámbitos coma a política ou a xustiza. É lexítimo. O que me parece criticable é votar en contra dos dereitos do resto, como no tema da reprodución asistida. Aínda hai discriminación. Este ano en Santiago eu ía collido da man co meu mozo e ofreceron pegarnos. Non é habitual, pero pasou.

-Pasamos ao galego. O de moitos deputados autonómicos é malo.

-Hai xente que fai ostentación de falalo mal. Xente con formación universitaria ben lle pode dedicar unhas horas a falar galego con corrección. Rajoy podería facelo. Dicir Sanxenxo, Rianxo e Ordes, e non Sanjenjo, Rianjo e Órdenes. O curioso é que Rajoy di Girona e Lleida, non di Gerona e Lérida. É unha cuestión de desprezo e de peso político.

-Mandoulle o libro «Amigos e Sodomitas» ao ministro do Interior. ¿Tivo resposta del?

-Non. Se nos vemos no Congreso preguntareille se lle aproveitou. Dixo que non ía respectar a sentenza do Constitucional que recoñecía o matrimonio homosexual.

-¿Algunha publicación pendente?

-Acaba de saír un libro a catro mans sobre Valentín Paz Andrade. Para o ano que ven sairá o ensaio Galegocalantes e galegofalantes. O futuro do idioma está na xente que aínda non o fala.

-Psicanálise lacaniano.

-Lacan reformula a Freud sen prexuízos. Eu antes tamén pensaba que Freud era un señor estraño que dicía cousas raras, pero despois se o les descobres que di cousas moi interesantes. A psicanálise axudoume moito. Gústame unha frase de Lacan: «Só te podes sentir culpable de non seguir o teu desexo». Tamén di que o difícil é saber o seu desexo.

«Se defendo o naval galego non quero que me condicionen os de Cádiz»

«A campaña é coma a semana previa ás Letras Galegas, pero multiplicada por non sei canto». Carlos Callón vive con intensidade a loita política. Pasando «do cerco ao leite, dos dereitos da muller ao naval».

-¿Que opina da separación entre Nós e En Marea?

-Desde Nós fixemos todo o posible para que houbese unha candidatura galega, única e forte que se basease en dous principios: a capacidade de decisión desde Galiza sen vetos desde Madrid, e que fose un proxecto de esquerdas. Nós agrupamos a toda a xente que apoia estes principios. Outra xente apoia unha estratexia a nivel de Estado que é lexítima pero que non compartimos. Eu se quero presentar unha iniciativa en defensa do naval galego non quero que me condicionen os de Cádiz porque din outra cousa. Ou se defendo aos mariñeiros do cerco no quero que me digan que en Euskadi iso causa problemas. É fundamental ter unha voz propia e sen límites. Animamos á xente que sinte Galiza a que se mobilice e vote por Nós.

-¿Cal sería a primeira cousa que faría vostede no Congreso?

-A primeira que vou presentar é a tarifa eléctrica galega. A iniciativa xunta as dúas pezas de Nós, da candidatura. Está o tema da xustiza social, porque hai 180.000 persoas que non poden pagar a calefacción e a luz en Galiza, segundo os cálculos máis optimistas. Por outra parte, a empresa Alcoa, por exemplo, ameaza con deslocalizarse polos custes eléctricos. Isto acontece en Galiza, que somos a primeira potencia eléctrica do Estado español. O 40 % da enerxía que producimos vai para industrializar outros territorios. ¿E que recibimos a cambio? Nada. No só iso, é que nos cobran o custo do transporte da enerxía que nos quitan. Eu se compro un quilo de laranxas pago o transporte, non o paga a xente que me vende as laranxas. Esta medida impulsaría a industrialización de Galiza e daría a posibilidade de garantir que non houbera persoas en situación de pobreza enerxética.

-Pero as enquisas non os colocan en Madrid.

-Hai catro anos o BNG, que é un motor fundamental de Nós, superou as enquisas. Parecía que non ía manter a representación e ao final non foi así. Hai partido e ímolo xogar ata o último minuto. Só hai dúas opcións. Ou Galiza está presente cunha voz propia que defenda os intereses do país no Congreso e avanzamos ou non está presente e retrocederemos. Cando outros falan por nós falan contra nós, iso xa o sabemos, vímolo na entrada na Unión Europa.

-Nós estivo ausente en moitos debates televisivos e aí está parte da batalla.

-É pouco democrático por parte das televisións estatais que non se garanta a pluralidade de partidos que existe no Estado. Que se exclúan formacións que levan vinte anos no Congreso e se inclúan outras que non teñen representación... Hai un bipartidismo a catro e o resto non estamos. Nós animamos á xente a que pense diferente. Nós e non tivo nin un minuto en prime time. Eu nos mitins digo que eles teñen El Hormiguero e nós as formiguiñas, a xente que traballa na rúa. Imos a unha democracia teledirixida. Queremos unha democracia de verdade, con diversidade de ideas. Nese sentido temos que agradecer a posición do Grupo Voz. Os debates onde se respecta a pluralidade en Galiza celébranse no programa Vía V. Nas televisións públicas que temos non os hai. Penso que non é democrático vetar ao nacionalismo galego cando si están presentes as ideas opostas.

De todo un pouco

-Unha materia escolar que se lle atascara.

-Educación Física. Agora vou a ximnasio e todo, pero dábase fatal.

-Unha viaxe pendente.

-Nova Iorque.

-Un político que non sexa do seu partido.

-Nelson Mandela.