Xosé Lois Piñeiro: «Hai moitas cousas que poden facerse mellor, non debemos resignarnos»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

ELECCIONES GALLEGAS 18F

CARMELA QUEIJEIRO

O exalcalde pobrense forma parte da candidatura de Sumar nestas autonómicas

15 feb 2024 . Actualizado a las 20:35 h.

Xosé Lois Piñeiro explica que atopou en Sumar o espazo político que buscaba, o proxecto que aglutina as súas inquedanzas, e está convencido de que a formación é tamén a resposta para moitos que non se ven representados noutras forzas.

—Estamos na recta final da campaña, foi moi intensa?

—É moi diferente ás campañas para unhas municipais nas que hai actos a diario, pero estou intentando asistir aos máis importantes. Constituímonos en decembro, non temos posibilidade de facer unha campaña porta a porta, pero intentamos que sexa o máis intensa posible.

—Hai moito voto indeciso, confían en atraer o apoio que precisan para entrar no Parlamento galego?

—Eu son bastante máis optimista do que din as enquisas e incluso que os meus compañeiros, creo que imos ter máis representación. Creo que hai a posibilidade do cambio, somos un movemento que vai cara arriba e hai moita xente que creo que nos vai apoiar, eu teño a esperanza e chegar ao segundo deputado. As enquisas ás veces fan dano, cando non lle dan representación a unha forza a xente empeza a pensar no mal chamado voto útil, e para min o voto útil é o que representa as túas ideas.

—Por que é importante para a comarca que estean no Hórreo?

—É importante que estea no Parlamento e é importante a súa existencia porque nacemos dunha confluencia de forzas e representamos a xente que non encontra respaldo noutros partidos. Sobre a comarca, o primeiro é recuperar a produtividade da ría. O monte tamén necesita ser reordenado, faremos fincapé no transporte público e é fundamental retomar o gran polígono do Barbanza. Hai moitas cousas que poden facerse mellor e non creo que debamos resignarnos.