Escolarizar na casa

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

08 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O caso duns pais de Gondomar que veñen de ser condenados a pagar unha multa por un delito de abandono familiar, xa que retiraron do centro escolar ao seu fillo de nove anos, reabre o debate sobre a posibilidade de escolarizar aos nenos na propia casa. En diversos países do noso contorno, e mesmo noutros afastados como Estados Unidos, Canadá ou Australia, está permitida a escolarización no fogar (homeschooling), pero en España non. A Constitución fai referencia á obrigatoriedade da ensinanza básica (Primaria e ESO) pero non á da escolarización. Non obstante, dúas leis orgánicas que a desenvolven si o fan: a vixente LOMLOE (2020), recollendo a testemuña da vella LODE (1985), dispón que un dos deberes básicos dos alumnos é asistir a clase con puntualidade. Tamén unha sentenza do Tribunal Constitucional, do ano 2010, e outras posteriores dos xulgados do penal, ratifican esta norma.

Hai moitas familias descontentas co sistema educativo, que prefiren darlles clase aos seus fillos na casa, pero os servizos sociais e os tribunais de menores velan para evitar este absentismo e fomentar que os nenos asistan ao centro escolar. E estes deben facelo, en primeiro lugar pola importancia decisiva da súa socialización, pero tamén porque quedándose na casa terían unha grande dificultade para adquirir as competencias e coñecementos necesarios. Ademais, uns pais que non sexan docentes non poderían substituír aos profesionais do sistema educativo. Os erros na aprendizaxe das técnicas instrumentais e competencias básicas son moi difíciles de corrixir con posterioridade.

No citado caso de Gondomar, os pais alegaron que o sistema educativo oficial non se axustaba á súa maneira de pensar, pero a xuíza responsable da sentenza, a pesar de mostrarse flexible coa posibilidade de educar aos fillos na casa, manifestou que estes proxenitores non tiñan un método educativo alternativo, pois o que practicaban carecía de solvencia e de obxectividade valorativa, supoñendo, xa que logo, unha desescolarización irresponsable.

Os pais si son insubstituíbles para unha boa formación primaria en sentimentos, actitudes e valores, e por suposto que poden colaborar na instrución dos fillos complementando o labor dos mestres, axudándolles a estudar e inculcándolles técnicas e hábitos de traballo intelectual. Se intentan de verdade coordinarse cos docentes, daranse conta de que o sistema educativo, aínda que con moitos defectos, é o mal menor para unha adecuada instrución dos rapaces, acorde cos tempos actuais.