Cre que non ter o grao oficial pon á Universidade en desvantaxe
29 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Máis de trinta anos leva a Universidade de Santiago impartindo formación en Criminoloxía, tras ser pioneira, xunto a outras universidades españolas, da implantación de estudos desta especialidade. A USC continúa agardando a poder convertela nun título oficial. Gumersindo Guinarte é o director do Instituto de Criminoloxía da USC.
-Dicía o reitor que o parón da creación do grao oficial facía retroceder á USC en algo no que era pioneira.
-Responde a unha visión razoable da realidade. Santiago estivo no grupo das primeiras universidades españolas que impartiron ensinanzas en criminoloxía cando aínda non tiñan recoñecemento oficial en España. Santiago pode quedar relegada desa posición de privilexio que tiña por ser das primeiras porque agora xa hai case unha ducia de universidades que teñen un grao en Criminoloxía.
-¿A auxe de series sobre investigación criminal trouxo máis alumnos ás aulas?
-Ao principio, a práctica totalidade dos alumnos eran profesionais que estudaban Criminoloxía para completar a súa formación. Pouco a pouco, foi evoluíndo cara a un alumnado máis heteroxéneo e agora hai case unha maioría de alumnos que estuda Criminoloxía como primeira opción e hai outro grupo de persoas con outra formación universitaria, como psicólogos ou xuristas, que a complementan con este título, incluso de maneira simultánea. Non hai datos que o constaten, pero parece evidente que a proliferación destas series algunha influencia ten que ter.
-¿Estes produtos fan ben ou mal ao papel do criminólogo na vida real?
-Habería que definir o papel do criminólogo.
-¿Cal é?
-Hai un perfil máis teórico, dun profesional que estuda a criminalidade e os mecanismos de control social e trata de indagar por procedementos de investigación empírica as causas da criminalidade. Criminólogo tamén é o que traballa nun xulgado e ten que facer valoracións sobre a reinserción dun penado e é tamén o que traballa na policía e fai un perfil criminal. É certo que en España a investigación teórica da criminoloxía está moi pouco desenvolvida, sobre todo se a comparamos co mundo anglosaxón, nórdico e xermánico, e o criminólogo aínda non ten un espazo de traballo definido, pero que haxa profesionais formados significa que o irá gañando.
-Entón a visión social do criminólogo está distorsionada.
-O criminólogo non é un superelemento para resolver crimes, é un elemento máis. A súas posibilidades son moi variadas, dende a prevención da criminalidade á investigación de crimes. O criminólogo non pode saber de todas as técnicas da investigación criminal, non pode ser xenetista e entomólogo, pero si é certo que é o que ten a visión máis de conxunto porque esta ciencia está constituída pola suma das partes de outras ciencias, e iso non é algo anormal nin sorprendente, é o que lle permite unha visión interdisciplinar.
gumersindo guinarte director do instituto de criminoloxía da usc