A profesora da Universidade recibiu o Premio da Crítica por un libro sobre as viaxes a Compostela da escritora de "A idade da inocencia"
24 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Un libro sobre unha muller feito por mulleres. Así é Edith Wharton: Back to Compostela / Regreso a Compostela, o libro de investigación de Patricia Fra que foi recoñecido co Premio da Crítica Galicia e que analiza dous manuscritos inéditos da escritora de A idade da inocencia sobre as súas viaxes a Compostela.
-¿Como atopou os manuscritos?
-A investigación xurdiu nunha colaboración que fixen na primeira tradución de A idade da inocencia ao galego en Sotelo Branco, onde fixen unha introdución bibliográfica e sobre a súa relación con Galicia. Revisando a bibliografía, había un artigo que falaba dela en España e mencionaba un manuscrito que estaba na Universidade de Yale. Déronme unha axuda en Igualdade para unha estancia de investigación e atopei o manuscrito Back to Compostela.
-¿Que conta nese manuscrito?
-É o xerme do que ía ser o libro Unha viaxe en coche por España, que nunca chegou a escribir. A investigación tamén fala do Diario de España, que fala do seu primeiro percorrido polo Camiño de Santiago, que fixo en 1925 aínda que é unha ruta diferente porque empezou en Jaca, logo incorporouse á ruta francesa, logo a León e logo pasou por Oviedo e aínda foi a Fisterra antes de chegar a Santiago.
-¿Como describe Santiago?
-Como un sitio moi afastado e con palabras moi positivas. Nunha nota apurada di «Santiago, aleluia, xubileo, lhassa vin a eternidade a outra noite», e fala do Pórtico da Gloria. Chámalle a Compostela a calzada do patio do ceo. Cando chega a Santiago pasea polas rúas e visitan os pazos e San Xerome, o Hospital Real e a Colexiata de Sar. O seu percorrido ilustreino con postais da época e o resto do Camiño con imaxes máis actuais.
-¿Fala tamén da xente e dos costumes ou só da cidade e das súas construcións?
-Supoño que sería o que ía facer no libro de viaxes. Este non é un libro antropolóxico, é máis un diario emocional e artístico do Camiño. Na II Guerra Mundial estivo moi implicada cos refuxiados e sobre todo cos orfos e afectoulle moito. Esta foi a primeira gran viaxe que fixo e creo que buscaba espiritualidade. Non está comprobado pero estaba rodeada de mulleres católicas e quixo indagar.
patricia fra investigadora da usc