A igrexa de San Miguel de Moreira

Xosé Luna Sanmartín A ESTRADA

EDUCACIÓN

MARCOS MÍGUEZ

O templo pertenceu ao mosteiro benedictino de San Martín Pinario e pasou logo á Coroa A freguesía tributaba en 1525 o Colexio Maior de Fonseca da Universidade

14 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O nome da freguesía de Moreira, morera, vén, quizais, das amoras, moi abundantes nas silveiras desta parroquia. Aínda que non podemos esquecermos de que os lugares, onde vivían os protagonistas dos nosos contos infantís, os mouros, eran chamados morerías. Moreira sinala na toponimia sitios nos cales a rocha ou o terreo se presentan dunha cor escura ou morena. Sabemos que o arcebispo Xoán Arias no seu testamento, datado o 20 de abril de 1266, fai unha doazón do Casal de Moreira a Santiago. Pertenceu esta igrexa ao mosteiro beneditino de San Martiño Pinario pasando posteriormente á Coroa. Na bula de Clemente VII, datada o 25 de marzo de 1525, aparece como tributaria para o Colexio Maior de Fonseca da Universidade de Santiago a parroquia de San Miguel de Moreira.   A igrexa de San Miguel de Moreira era orixinariamente dunha soa nave e posúe unha ábsida semicircular. Por mor das obras levadas a cabo nela, no século XVIII co obxectivo de ampliala, perdeu a fachada occidental, a principal, onde se ergueu o campanario de dobre corpo; parte das fachadas laterais da nave quedaron seriamente mutiladas. Engadiuse a sancristía á fachada setentrional e unha capela moderna á fachada meridional. A transformación estaba completada; a nave ten na actualidade unha planta de cruz latina. O aleiro da nave de San Miguel que perviviu ás reformas do S.XVIII ten o chafrán decorado con bólas, e está sostido por unha boa colección de canzorriños: de proa, de forma picuda, de mazás, atleta espido en forma invertida, cabeza de bóvido e outros que por mor da súa mala conservación non podemos apreciar a súa forma. No testeiro da nave, unha seteira ábrese cara oriente. O exterior da ábsida Para que o estudo da ábsida resulte máis doado dividímola en cinco partes. Dúas partes corresponderíanse cos tramos rectos e as tres partes restantes, sitas no tambor, co tramo semicircular. Os tramos rectos da ábsida, delimitados por dous contrafortes rectangulares, xúnguense directamente coa nave. Dúas columnas arrimadas ao tambor dividen ao mesmo en tres tramos semicirculares. Estas columnas teñen as bases de perfil ático con garras. O seu plinto vai decorado, mais resúltanos difícil facer unha descrición exhaustiva por mor do desgaste. Os fustes están formados por oito semitambores. Son moi curiosos e orixinais os capiteis historiados das columnas arrimadas á ábsida. O capitel meridional móstranos no centro da cara principal unha figura humana, vestida cunha túnica curta e cos brazos abertos tratando de separar a dous ameazadores cuadrúpedos -leóns- que teñen as patas enredadas nun talo ou ¿é unha corda? O capitel ofrécenos un dos temas máis cotiáns do románico galego: Daniel salvado dos leóns, (a imaxe da alma salvada do mal). Esta mesma temática repítese nun capitel -conservado no museo de Pontevedra- da igrexa de Sta. María de Bermés (no Concello de Lalín). Constantino Neira Baloira na Compostellanum interpreta este capitel: O personaxe pode representar un domador de feras (león), simbolizando a Cristo triunfador; pode personificar a Sansón, personaxe bíblico ou a Gilgamesh, personaxe sumerio. Simbolizando ao home como rei da creación; podería encarnar ao profeta Daniel cos leóns; os perigos, aos que estaba sometido o peregrino, simbolizados polos leóns e a axuda e protección do Apóstolo; pode plasmar ao mago Fileto, compañeiro de Hermóxenes, convertido polo Apóstolo. Ou ao mesmo Hermóxenes antes da súa conversión. O capitel setentrional está formado por tres figuras humanas. Unha delas axeonllada sostén contra si un largo báculo, mordido por unha serpe ondulada aparecida entre esta e a figura central. A cara principal do capitel está representada por un personaxe, de túnica longa ata os pés, que sostén nunha man unha bolsa ou vasilla e mesmo parece estar recibindo algo do personaxe da esquerda. Interpretación de Neira Fixádevos na interpretación de Neira Baloira: Representaría a chegada do peregrino á meta. Seguiríase, deste xeito, coa temática xacobea. Sen embargo, para Neira Baloira, esta explicación non enchería o derroche iconográfico deste capitel; por iso segue matizando: Podería significar o acto da conversión do mago Hermóxenes, a claudicación deste ás súas artes nigrománticas; a entrega do caxato polo Apóstolo en sinal da conversión e como talismán para vencer aos demos e por último o seu bautismo administrado por Santiago a quen axuda un dos seus discípulos. Ambos capiteis están unidos directamente ao fuste, carecendo de astrágalo e colariño.