A longa viaxe da cultura

Xaime López Arias SARRIA

EDUCACIÓN

Crónica | Historia das escolas en Sarria Hai un século este municipio era un deserto cultural pola carencia de centros para a escolarización. A gran revolución produciuse a partires de 1970

28 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Moitas veces ten xurdido a pregunta do porqué do pouco aprecio que polo ensino en particular e pola cultura en xeral amosou esta comarca ó longo do tempo malia a que houbo institucións como o Mosteiro de Samos na que se formaron milleiros de homes no amor das letras, sen que se tiveses producido unha proxección significativa cara o exterior e estas terras de entre Neira e Cabe se convertiron nun auténtico ermo cultural ata ben pasada a segunda metade do século XX. Para comprender o fenómeno, e centrándonos só no actual Concello de Sarria, vemos como a escola do século XVII non se recuperou ata os anos derradeiros do século XVIII, e como entre 1820 e 1896 as escolas eran máis un hipotético desexo ca unha realidade. Cen anos atrás, malia que unha lei de mínimos de 1857, conforme a poboación, esixía que houbese 14 escolas completas de nenos e 14 de nenas e 3 incompletas (só funcionaban no inverno). O panorama, reflexado no cadro adxunto por distritos, era moi pobre. Houbo que agardar 20 anos para que no tempo da dictadura de Primo de Rivera se creasen algunha novas escolas en locais de aluguer pouco preparados para labores de ensino. Potenciouse a creación de escolas na II República, e coa axuda da Sociedad Hijos del Distrito de Sarria en La Habana creáronse centros con edificacións propias en Louseiro, Ferreiros, Santiago da Veiga e Lavandeira, ao tempo que algúns particulares, en comisión de veciños, fixeron colexios en Meixente, San Fiz de Vilapedre, Castelo de Loureiro e Loureiro. Na vila, ademáis do colexio das Mercedarias, que durou pouco tempo, proliferaron as pasantías e academias: Don Justo, Galicia, Telégrafos. En 1932 soñábase cun instituto secundario, pero nada se conseguiu. Os primeiros centros para o ensino secundario chegaron de mans das ordes da Asunción e Mercedaria, pois os intentos de crear un instituto laboral en 1964 foron truncados pola prematura morte do alcalde don Xavier López Acevedo e a desidia corporativa. Ata 1957, cen anos despois daquela lei de mínimos que sinalaba 28 escolas non se completou o mapa escolar de Sarria, dándose un proceso de creación de escolas de maneira que en 1965 había centros públicos con edificio propio, ademáis da vila en: Vilamaior, Santo André de Paradela, A Pinza, Lavandeira, Meixente, Goián, Arxemil, San Miguel e San Fiz de Vilapedre, Lousadela, Santa María de Vilar, Betote, Manán, Santiago da Veiga, Corvelle, Ferreiros, reboredo, Louseiro, Fonteabuín, Calvor, Fontao, Fontela, Castelo de Loureiro, Lier, Loureiro, Froián, Farbán e Reimóndez. As restantes estaban en casas particulares. En Oural xurdiu unha nova escola de Padroado, derredor do poboado de cementos, que acabaría sendo o xermolo dun colexio público. A concentración escolar en Sarria e Oural supuxo o abandono da maior parte desas edificacións escolares e, por fin, Sarria sufriu a grande revolución do ensino e hai que agradecerllo a don Euxenio López, quen sentou as bases do ensino comarcal coa creación da agrupación escolar e a escola fogar. O periodo que vai desde 1970 a actualidade é a época de maior esplendor con relación ó ensino e a cultura, potenciado con centros de ensino para adultos, conservatorios, escolas de música, bibliotecas e asociacións culturais cunha variada oferta. estos 36 anos don os de maior transformación producida o longo da historia comarcal. De ser unha comarca que entre 1820 e 1920 arrastrou a lacra de ter unha alta taxa de analfabetismo e un ridículo número de escolas e mestres, á situación actual, deuse o máis grande salto de progreso. En 1906 Sarria era un deserto cultural, no que nin sequera había un minúsculo oasis.