O edil Santiago Domínguez e o vicerrector Óscar Rubiños asinaron un protocolo de cooperación Ámbalas dúas institucións confeccionarán un plan integral dirixido á mocedade
07 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.«Todo o que se fai desde o Concello ten que repercutir na Universidade, e tamén ó revés», afirmou onte o concelleiro de Cultura Santiago Domínguez, momentos antes de asinar o protocolo de colaboración en materia cultural entre o seu departamento e a Universidade de Vigo. O documento, que terá unha duración de catro anos, tenta asentar as bases da relación entre ámbalas dúas institución, e ten como obxectivo aunar esforzos no eido da promoción cultura. O espírito do protocolo apunta a que o Concello e a Universidade traballen conxuntamente a prol da cultura entre os máis novos. Esta colaboración non ten como fin prioritario a programación de feitos puntuais, aínda que tamén os terá, senon que pretende establecer unha planificación estratéxica no ámbito cultura que poida ir dando os seus froitos co paso do tempo e dun xeito independente ás persoas que no futuro dirixan ambas institucións. Na actualidade, os técnicos municipais e da Universidade están a elaborar liñas concretas de actuación, seguindo as seis pautas que recolle o protocolo: organización de eventos culturais; programación de dinamización cultural relacionados cos eidos das letras, o cine a música, etc; programas de apoio ós novos valores; foros de debate plurais que permiten achegarse ó pensamento contemporáneo; proxectos ou actividades vanguardistas; e proxectos ou actividades de formación para os axentes culturais. Plan integral A medio prazo, a colaboración terá a súa materialización na creación dun plan integral de cultura xuvenil no municipio. Este plan terá connotacións estratéxicas no eido cultural porque amosará as liñas de actuación institucional. «Deste xeito, o que se faga non será a salto de mata, terá un sentido e un contexto», explicou o concelleiro de Cultura, que engadiu que a finalidade é establecer as líñas de futuro da cultura xuvenil na cidade. Pola súa banda o vicerrector de Extensión Universitaria Óscar Rubiños amosou a súa satisfacción polo acordo acadado, e explicou que non se trata dunha colaboración puntual. «O que asinamos é a apertura de novos camiños que deben ser estables no tempo», sinalou Óscar Rubiños.