A oferta e demanda de traballo relacionada co sector da comunicación motivou a Educación a poñer en marcha cursos de formación O sector da comunicación é un dos que maior atractivo desperta entre os xóvenes galegos. Ó mesmo tempo, a variedade e heteroxeneidade dos distintos medios está a cambiar o espacio de negocio, de xeito que aparecen novos postos relacionados coa implantación das tecnoloxías dixitais ou as autoestradas da comunicación. Para atender este novo escenario, a Consellería de Educación puxo en marcha un grupo de cursos de Formación Profesional (FP) Específica centrado en actividades coma a obtención de imaxes fotográficas, a iluminación dos espacios escénicos ou a filmación de productos audiovisuais.
29 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.A familia de cursos especializados na fotografía e a área audiovisual xurdiu da cantidade e diversidade de oferta de productos que están a aparecer no mercado, así coma do enorme interés que este sector despertou nos xóvenes galegos nos últimos anos. Debido á sólida formación de base que precisan, a consellería deseñou catro ciclos de grao superior e só un de grao medio. No caso dos primeiros, o curso Producción de audiovisuais, radio e espectaculos profundiza nas destrezas para traballar coma técnico en producción de programas de televisión, de obras cinematográficas e videográdicas, programas radiofónicos, espectáculos ou tamén obras teatrais. O mundo da televisión e o cine encontra a súa resposta máis directa nos outros tres ciclos superiores. O de Imaxe cualifica a quen o remate para empregarse coma fotógrafo profesional, técnico en imaxe, cámara de vídeo, televisión e espectáculos. Realización de audiovisuais e espectáculos céntrase na formación de técnicos de realización de televisión en control ou en estudio, de dirección de cine e de rodaxe. O curso concede, ademais, o título de técnico de montaxe cinematográfica, edición VTR, posproducción, mestura de vídeo, posproducción de dirección de espectáculos e o de rexidor de teatro. Por último, o ciclo superior de Son traballa no perfil de profesionais do son para medios como a radio, televisión, cine, teatro ou incluso estudios musicais. O único curso de grao medio é o de Laboratorio de imaxe. Procesados, tratamentos de imaxes e positivados ou técnicos de laboratorio de imaxe son algunas das saídas profesionais que oferta o ciclo. Na actualidade, a familia de cursos do sector da comunicación únicamente se imparte en dous centros, un na Coruña e outro en Santiago. Vías de acceso Para acceder ós mesmos, Educación habilitou dúas fórmulas aplicables para tódolos cursos: un acceso directo e outro que consta dunha proba. Nos ciclos superiores, o acceso pode ser directo si o alumno posúe o título de Bacharelato, o segundo ciclo de calquera modalidade de Bacharelato experimental, COU, un título de técnico especialista ou unha titulación universitaria. Polo que respecta á proba, constará de dúas partes, unha con contidos xerais e a segunda específica. Para poder matricularse no ciclo de grao medio, o interesado deberá cumprir algún destes requisitos: o graduado na ESO, técnico auxiliar, ter aprobado o segundo curso de BUP, o segundo curso do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias ou, por último, o terceiro ciclo do Plan de 1963. Para o examen, que avaliará temas socio-culturais e de carácter científico, a Consellería de Educación reservou o 20% das prazas.