Edificando a nova construcción

REDACCIÓN A CORUÑA

EDUCACIÓN

Un grupo de ciclos formativos pretende solucionar a falta de profesionais cualificados no sector É un dos motores da economía, ademais dun dos mellores indicadores da evolución da mesma. En Galicia, o sector da construcción ten unha gran falta de profesionais cualificados que poidan facer fronte á cantidade de obra, tanto pública coma privada, que se está a executar na comunidade. Neste contexto, a Consellería de Educación puxo en marcha un grupo de ciclos de Formación Profesional Específica que aborda tódolos campos laborais relacionados coa edificación e as industrias da construcción.

27 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Edificación e obra civil é o nome da familia de cursos orientados a materias tan diversas coma o desenvolvemento dos proxectos de construcción, ás profesións típicas do sector -albanelería, acabados...- e tamén ó mantemento da maquinaria. Consta de sete ciclos, catro de grao medio e tres de superior. No caso dos primeiros, Operacións e mantemento de maquinarias de construcción está enfocado a un espectro laboral moi amplo: alicatador, pavimentador, escaiolista, pintor, enmoquetador ou instalador de solos son algunhas das saídas que ofrece este ciclo. No eido da albanelería, tellador de lousa, instalador de material aillante, colocador de tubos e poceiro son varias das opcións de futuro para os alumnos co título de Obras de albanelería. Pola súa banda, Obras de formigón capacita ó estudiante para ser encofrador, ferrallista ou poceiro. O curso Operación e mantemento de maquinaria e construcción capacita para traballar como operador nas súas diversas modalidades (guindastre fixa e de torre), sondista e tomador de mostras. Ó igual que os dous anteriores ciclos, este último ten entre as saídas que oferta a de técnico de seguridade e hixiene, unha das cualificacións máis demandadas no sector nos últimos anos. Espectro do grao superior Polo que atinxe ós de grao superior, Desenvolvemento de proxectos urbanísticos e operacións topográficas forma ós mozos para ter a opción de empregarse coma axudante topográfico, proxectista de obras civís ou de urbanismo, técnico en estudios de impacto ambiental, en traballos de campo ou en levantamentos. Na área da elaboración de proxectos (de edificacións, obras públicas ou instalacións) e tamén a planificación e organización das actuacións, Educación deseñou o ciclo Desenvolvemento e aplicación de proxectos de construcción. Por último, o curso Realización e plans de obra cualifica ó alumno para ser encargado xeral de obra ou dunha planta de fabricados e técnico de seguridade e hixiene, así coma axudante ou técnico en organización de obras, entre outras saídas laborais.