Primeira mostra de fotos antigas e xantar veciñal de Nadal en Loño

Daniel González Alén VILA DE CRUCES

VILA DE CRUCES

DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

Os veciños aproveitaron a presenza do alcalde para reivindicar melloras

11 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa presenza do alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, preto de setenta veciños da parroquia de Loño en terras das Cruces, asistiron a pasada fin de semana á inauguración da I Mostra Fotográfica e ao posterior xantar de confraternidade no centro social da Casa da Escola.

Para esta exposición os veciños xuntaron medio cento de fotos antigas, nas que aparece xente e variados motivos desta parroquia das ribeiras do Ulla —que aquí é encoro de Portodemouros—, logo de ser seleccionadas e ampliadas coa supervisión de Suso Asorey, irmán do cineasta Carlos Asorey, nativos ambos de Loño. Cómpre destacar varias fotos de hai máis dun século, nas que aparecen os fillos da parroquia que emigraran a América e foron os promotores do magnifico edificio da escola pública que agora é centro social.

O alcalde Luís Taboada eloxiou e recoñeceu o mérito dos directivos e membros da Asociación de Veciños Santa Margarida e da de Mulleres Rurais de Loño, que organizaron estas actividades culturais e recreativas, que se agarda teñan continuidade en anos vindeiros, ampliando a mostra con achegas de institucións públicas e privadas e, sobre todo, dos nativos da parroquia que aquí residen ou moran noutros puntos de España e ata do estranxeiro.

Reivindicacións veciñais

Trala inauguración da exposición, as autoridades compartiron cos veciños un xantar que como cada ano por estas datas do Nadal, prepararon e serviron os organizadores, desta cun menú composto por empanada caseira, vieiras ao forno e carne ao caldeiro, coas sobremesas, viños, cafés e licores correspondentes. A xuntanza rematou á noitiña con partidas de naipes, contos e cantigas ao son dos instrumentos que algúns trouxeron.

Fóra do programa e do protocolo, algúns veciños aproveitaron a presenza do alcalde para pedirlle o apoio do Concello na vella reivindicación da ponte sobre o encoro, que faría innecesaria a barcaza que funciona entre esta parroquia do concello de Vila de Cruces e as de Arzúa, que leva semanas sen funcionar, motivo polo que se está a organizar actos de protesta para finais do presente ano. Deu resposta o alcalde expresando o seu apoio, malia as actuais dificultades para conseguir esta ponte, e dando conta que o día 22 deste mes, a barcaza estaría funcionando con normalidade, logo de pasar a revisión precisa, segundo lle confirmaron os directivos da empresa responsable.

Tamén se lle pediu ao alcalde a mellora do acceso a igrexa parroquial, da base do cruceiro procesional, do casa reitoral e da fonte da Santa Margarida, que forman conxunto coa senlleira igrexa parroquial, e as dependencias anexas do centro social que precisan un urxente arranxo. Das reivindicacións, que de xeito cordial lle pediron os veciños, tomou boa nota o mandatario, comprometendo solucións axeitadas no máis breve prazo posible.