Recolle nun libro sentimentos e vivencias de 70 días de peche, misturando realidade e ficción, que presenta hoxe en Cruces
03 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Cada persoa xestionou de maneira diferente o confinamento polo coronavirus. Xosé Carlos Carracedo Porto fíxoo da forma que mellor lle sae; a través da escrita. O resultado é o libro «Diario dun confinamento», que presenta ás 20.30 horas no auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces.
—Como se xestou esta publicación?
—Pois na miña contorna teño moitos psicólogos e dixéronme que para levar o confinamento había que establecer rutinas; e eu que son moi caótico e que escribo desde neno a horas diferentes, comecei a facelo pero de xeito ordenado.
—Escribía entón diariamente á mesma hora?
—Efectivamente. Entre as 7 e as 8 da tarde, despois de facer exercicio, eu escribía e despois colgaba nas redes o texto. Era unha descrición do día, unha historia bastante real pero con contidos tamén de cousas ficticias. Foron sesenta ou setenta días seguidos, e posteriormente de xeito máis salteado. Ao rematar o confinamento continuei relatando a realidade da pandemia ata o pasado 25 de abril.
—Considera que foi un exercicio terapéutico?
—Penso que me axudou a levalo mellor. Na vida sentimos que temos que facer algo, ten que existir un propósito, e o meu foi escribir e como tamén publicaba nas redes sociais había un vínculo de afecto con moita xente. Empezou o confinamento con 400 ou 500 persoas léndome e cheguei a picos de 12.000. O meu soño é poder vivir algún día de escribir e comentar coa xente en redes as historias que ía subindo tamén era acariñar un soño. O confinamento púxome o mel nos beizos.
—Plasma os seus sentimentos en primeira persoa?
—Conto o que me estaba pasando. Digamos que é unha dobre historia de amor: á miña parella, que vivimos xuntos e as cousas máxicas que nos pasaron, pero tamén cara a miña avoa que estaba enferma e que non podía visitar pola pandemia.
—Unha historia de vida nunhas circunstancias que ninguén esperaba.
—Así foi. Ao final penso que nos permitiu estar con nós mesmos. O confinamento serviu para maximizar as nosas emocións.
—Este é o seu segundo traballo. Ten material xa para un terceiro?
—Teño (risas). A medias está un libro de poemas e tamén xa hai tema para outro pero pouco podo dicir, as cousas van cambiando...