O froito da desesperación de non saber gobernar

Jesús Otero

VILA DE CRUCES

15 feb 2021 . Actualizado a las 20:32 h.

Estimado señor alcalde do Concello de Vila de Cruces. Parece que lle preocupa, e moito, unha posible moción de censura, pero cremos que non é necesaria dita preocupación xa que vostede, cando foi nomeado alcalde, acordouna con outros grupos, poñendo data de caducidade ó seu mandato, casualmente, dentro duns poucos meses.

Non nos culpe pois, de que no seu día, cheo de euforia, prometese algo que realmente agora parece, non sabemos se motivado pola idade, non lembrar. Se vostede está sendo refén das súas palabras e feitos, non queira culpar ó Partido Popular. Despréndese das súas palabras, certo ton ameazante cara os empregados e funcionarios municipais, traballadores excepcionais ós que grazas ó seu traballo non temos paralizado por completo o Concello, porque pola actitude e capacidade súa e do seu goberno estaría todo completamente paralizado e sen rumbo.

Eu non teño ningún privilexio a maiores dos que me otorga a Lei e dos que calquera outro representante político con representación no Concello poida ter. Posiblemente vostede afirme isto, porque nin sequera coñeza o artigo 226 Lei 5/1997 de 22 de Xullo de Administración Local de Galicia.

Recórdolle que os representantes do Partido Popular pedimos sempre por escrito o acceso ós expedientes, se vostede nos quere privar deste dereito de acceso á información, tomaremos as medidas necesarias para facerlle cumprir a Lei.

As súas declaracións son froito da desesperación e frustración de non saber gobernar, utilizando, coa finalidade de enmascarar e disimular as súas carencias como gobernante, notas de prensa que parecen encamiñadas a amedrentarnos e querer cambiar a realidade dos feitos.

Solo imos ó Concello, e o continuaremos facendo, a recoller ou presentar documentación que solicitamos para a nosa labor de fiscalización do goberno, estando o tempo estritamente necesario para que os funcionarios públicos nos entreguen ou informen do solicitado. De todos os xeitos, non cargue vostede contra estes profesionais, xa que desempeñan a súa labor dun xeito exemplar e sempre cumprindo coa Lei, así pois, menos criticar a quen traballa e mais chegar á súa hora ó seu posto.

Ó mesmo tempo, transmítolle que terá que responder das calumnias e mentiras que pon nas súas notas de prensa xa que na oficina de Alcaldía, quedaban á súa disposición, unha serie de dilixencias de inicio de denuncia relacionadas coa desaparición de diverso material informático propiedade do Concello.

Seguiremos coa labor de fiscalización do goberno ó tempo que colaboraremos e propoñeremos melloras que repercutan no benestar dos nosos veciños e veciñas, un municipio señor Taboada, o cal a súa cabeciña o está a levar á deriva, convertindoo xa, no Concello de menor representación institucional da comarca do Deza, algo do que todo o municipio se sente avergoñado.

Convidoo a «traballar», traballar na mesma dirección conxuntamente para sacar a Vila de Cruces desta triste «pandemia».