O colectivo programa un percorrido para o día 20, con saída da capela de San Campio, e xantar de confraternidade
09 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A organización do Antroido de Merza, en Vila de Cruces, ven recaendo nos últimos anos na Asociación Vello dos Cornos. Un colectivo que preside Belén Guzmán e que agora está mergullado en ampliar propostas. «Coñécennos polo Antroido pero pensamos que era preciso facer máis actividades ao longo do ano para os veciños malia que o Antroido dá moito moito traballo», argumenta a presidenta.
Parte dos integrantes da xunta directiva da asociación teñen cabalos e de aí xurdiu a idea de programar algunha actividade na que os equinos fosen protagonistas. «Pensamos pois en facer unha xuntanza cabalar, a primeira que organizamos nós, e que celebraremos o vindeiro día 20 de setembro», dixo. O programa contempla a saída ás dez da mañán da capela de San Campio para posteriormente facer unha ruta a cabalo de vintecinco quilómetros. «A metade do camiño nos comeremos uns bocadillos e nos tomaremos uns refrescos para logo chegarmos de novo a San Campio onde comeremos», explicou Belén Guzmán. Un xantar que estará amenizado por un trío musical e para o que se prevé asista un cento de cabaleiros.
«Non sabemos aínda cantos seremos. Neste tipo de xuntanzas sempre se agarda ao último momento para anotarse e aínda nos queda tempo xa que o prazo remata o venres antes do encontro», engadiu. Unha xuntanza cabalar que pretenden manter en vindeiros anos, e instaurar para setembro, ao que se lle engadirá o curso de pintura para cativos coma o deste verán.
Vello dos Cornos continuará impulsando o Antroido na zona. «O vivimos intensamente. Querémolo e non o queremos perder de aí que volquemos boa parte da nosa enerxía e traballo na súa organización», sentencia Guzmán. De feito a metade dos versos que declamarán os Xenerais xa están escritos. «O Antroido será este ano a finais de xaneiro e fai falla o tempo para ter todo listo. Se agardamos a un mes ou dous vista non daría tempo. Hai que estar atentos ao que pasa, aos acontecementos, e ir tomando notas para logo dárlle forma aos escritos. Deso encárganse dous compañeiros da asociación; é un traballo moi complexo. Logo nos quedará buscar xente para a escenificación do Antroido. Non imos consentir que se perda esta rica e ancestral tradición e para eso está o colectivo, para loitar por mantela viva ano tras ano», incidiu Belén Guzmán.