Unha xincana para fomentar a cultura e dinamizar o comercio en Silleda

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Amarelas abre esta tarde a programación cultural de verán MoVemos Silleda

08 jul 2020 . Actualizado a las 21:13 h.

Neste 9 de xullo comeza a programación cultural MoVemos Silleda, deseñada polo Concello e cun claro apoio aos artistas locais, e faino da man de Cris González e Erea Viz, de Amarelas Sociedade Cooperativa, agrupación que guiará aos participantes por unha xincana mitolóxica. Por diante, dúas quendas dunha hora de duración, a primeira ás 18 horas, nun xogo de busca no que haberá que dar «cos seres mitolóxicos que están agochados polo casco urbano, e que pedirán determinados obxectos situados en comercios locais e que haberá que conseguir», explica Cris González.

Unha xincana que ten unha dobre finalidade: fomentar a cultura e dinamizar o comercio local, e que ademais xira sobre os seres mitolóxicos galegos. «Faremos unha aproximación á nosa cultura popular galega, con información de personaxes e da historia de Silleda, sendo unha maneira de reforzar a nosa identidade de pobo e tamén de impulsar e potenciar o comercio de proximidade», engade Cris González dende Amarelas. Unha actividade que rematará cunha merendola para todos os participantes, trinta en total, e para a que restaban onte só unhas pouquiñas prazas, e na que «agradecemos a xenerosa colaboración de Ecos e dos comerciantes locais nesta iniciativa».