A coral agolense xa pechou varios concertos para os vindeiros meses, e mesmo ten previsto desprazarse preto de Newcastle previsiblemente para o vindeiro mes de setembro.
-Coa chegada da primavera increméntanse as actuacións...
-Certo é que temos varias actuacións previstas. O ano pasado tivemos moitas saídas, convidados por corais, e agora é momento de recibilas de aí que teñamos varios concertos e actividades á vista.
-A primeira é o estreo dunha obra da Banda de Música de Silleda, ¿con participación de tres masas corais?
-Trátase do estreo da obra «Santiago Capitán» que está preparando a Banda de Música de Silleda e, nós, pola nosa banda tamén estamos traballando na mesma ao igual que a Coral Polifónica de Silleda e Ecos do Ulla, de Monterroso. Os ensaios lévanse a cabo de maneira individual, de momento, e penso que haberá algún en conxunto antes do gran estreo que está fixado para o 9 de abril. Penso que será no Auditorio da Semana Verde e alí poderase escoitar esta obra inédita de música e voces para a que se require unha gran coordinación.
-¿Haberá concerto con motivo do Día das Letras Galegas?
-Pensamos celebrar un concerto coma en anos anteriores. Será o 14 de maio, na Residencia da Terceira Idade, e contaremos coa presenza da Coral Alborada de Cabral e o Coro de Cámara de Boborás, co que compartimos directora. Posteriormente o 5 de xuño temos previsto actuar en Silleda no programa «Tardes de Primavera». Xa nos invitaran o ano pasado pero finalmente non puidemos acudir. Ogallá que agora sexa posible e non haxa ningún impedimento. Nese mesmo mes, o día 25, e no marco das festas de Agolada temos prevista a visita da Coral de Pravia (Asturias), que nos devolverá desprazamento xa que nós actuamos alá o ano pasado.
-En carteira teñen tamén un proxecto para viajar fóra de España, a Newcastle...
-A idea é actuar nunha vila que dista cincoenta quilómetros de Newcastle, pero creo que non será posible o desprazamento ata o vindeiro mes de setembro. Íamos ir en maio, para a ponte das Letras Galegas, pero casa o director da coral e tivemos que cambiar as datas da viaxe. Pór de acordo 25 persoas non é tarefa fácil e ao mellor podemos ir para setembro pero non está pechado. Estamos nelo xa que ter proxectos á vista é un acicate para todos, manténnos vivos.
-¿Como xurdeu esta posibilidade?
-Coñecemos un membro da coral que estivo en Agolada cun grupo de gaitas, e como sabe que somos doados a viaxar pois comezou a artellarse esta opción.