O Santas, un home comprometido

m.hermida LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

03 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun día cálido, como cálida era a súa personalidade, marchou José Luis Santas Carral, coñecido como O Santas. Tiña 62 anos e era veciño da Torrevella, en Rodeiro, a poucos quilómetros de Álceme, a parroquia da que era natural. Aínda que lle quedaba moito por vivir, moito por facer e moito por disfrutar, o certo é deixa tras de si un longo legado. Porque pasou pola vida como un home comprometido co seu pobo, coa súa xente.

O Santas foi presidente, hai xa algúns anos, da asociación dos cabaleiros Monte Faro. No 2001, neste mesmo xornal, contaba con orgullo que estaban a organizar a romaría anual da entidade no Faro.

Pasou tamén pola política municipal, xa que foi concelleiro durante tres anos. Formou parte dunha comisión de festas de Rodeiro e estivo aí, arrimando o ombreiro, para crear a asociación de veciños. Porque se algo o definía era o seu afán por botar unha man alí onde fixese falta. O Santas, máis aló da esfera pública, era tamén un fillo, esposo, pai e avó orgulloso dous seus. Hoxe daráselle o derradeiro adeus ás 12 da mañá cun funeral e posterior enterro en Santa María de Álceme. Foise moi cedo, demasiado pronto, e tras unha dura batalla coa enfermidade. Queda en Rodeiro o seu recordo.