O Camiño de Inverno rexurde no verán

irea carballo, o. p. LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

rober amado

O colectivo que impulsa a ruta chegou a Santiago, e Rodeiro acolleu unha conferencia do autor José Rúa Pérez

02 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Amigos do Camiño de Inverno chegaron o pasado domingo á súa ansiada meta, Santiago de Compostela. Un total de quince peregrinos, moitos deles empresarios do sector turístico, e todos eles aficionados ao camiño.

Comenta un dos emprendedores, Emiliano García, que a iniciativa nace para pór en consideración «un movemento internacional enorme como é o Camiño de Santiago, que move a xente de todo o mundo».

A ruta consistiu en dez etapas dende Ponferrada, que incluíron tramos de todo tipo, «algúns largos e duros co trazado en mal estado, abandoado e sen apenas sinalización, e outros moi coidados onde se ve que hai interese en apostar polo camiño» sinala.

Propuxéronse contactar un por un cos devanditos concellos para comunicarlles as súas consideracións sobre «como deben coidar e manter o camiño se de verdad ven futuro nel». Emiliano García afirma que a parte do mal estado de certos tramos onde o «acceso está moi abandoado ou a herba está tan crecida que son practicamente intransitables», hai moitos outros «que van moi pegados á estrada».

Os Amigos do Camiño de Inverno pretenden pór en valor a capacidade do camiño como «importante recurso económico e de futuro» que segundo Emiliano García «moitos concellos pequenos están desaproveitando, e lugares como é o caso de Monte Furado». Din que están «moi agradecidos pola experiencia» e xa andan a argallar o seu seguinte obxectivo: Muxía e Fisterra. Recalcan que resultou unha experiencia moi especial en canto que serviu para formar «un gran equipo» a partir dun grupo de persoas, que en parte, non se coñecían.

Doutra banda, en prol de favorecer a promoción deste camiño que pasa a ser recoñecido oficialmente este ano pola Ley do Patrimonio de Galicia, o Centro Cultural Municipal Manuel Lamazares de Rodeiro acolleu unha conferencia do autor da Guía do Camiño de Inverno, José Rúa Pérez. Nela tratou a importancia histórica deste itinerario no que abundan mosteiros coma é o de Ribas de Sil ou varias edificacións templarias, e no que abunda unha gran riqueza paisaxística que non ten nada que envexar a outras rutas. Ademáis abordou algunha das problématicas que presenta o Camiño de Inverno, como é a falta de albergues.