«Somos tan capaces como calquera»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

MIGUEL SOUTO

Unha doenza levou a Dolores Simón a unha cadeira de rodas pero non lle restou un ápice de loita

21 dic 2015 . Actualizado a las 07:55 h.

Nunhas xornadas en que tanto se fala e se aposta pola integración das persoas con necesidades especiais cobra especial protagonismo o caso de persoas coma María Dolores Simón Valladares, veciña do Coto na parroquia de Pescoso (Rodeiro), que loita por acadar unha sociedade máis igualitaria. Da súa doenza fala con entereza e claridade.

-Padezo Distrofia Muscular, unha enfermidade dexenerativa, que afecta á forza de todos os músculos do corpo co que iso conleva. Malia que existen uns cantos tipos de Distrofia Muscular, no meu caso descubríronma cando tiña nove ou dez anos. Ao tratarse dunha enfermidade dexenerativa non me levou directamente á cadeira de rodas. Cando comecei a usala a cotío foi cando fun para Santiago a estudar.

-Persoa con discapacidade ou con necesidades especiais, ¿cal é a terminoloxía que se debería de empregar?

-Para min só se trata diso; dunha terminoloxía. Dende o meu punto de vista é prácticamente o mesmo. Pero de todas formas eu uso, e seguirei usando, o termo discapacidade xa que todo depende do respecto e a educación coa que se diga. Creo que hai cousas moito máis importantes que un simple termo.

-¿Cales son os grandes retos aos que se teñen que enfrontar?

-Eu creo que a vida en sí é un reto, pero para unha persoa con discapacidade penso que en certos momentos é máis complicado, aínda tendo ao lado a familia e amigos.

-¿A poboación en xeral é consciente da problemática que lles afecta?

-A poboación, e falo en termos moi xerais, moitas veces non é consciente de moitas cousas ao non fixarse. Non se dan conta, por exemplo, polas presas ou simplemente porque nunca llelo dixeron. Noto que hai xente que ata que non falas con ela, ou en certo modo conviven cunha persoa con algunha discapacidade, non se decata dalgo tan sinxelo como é o aparcar invadindo parcialmente unha rampa nun paso de peóns. Para unha persoa en cadeira de rodas isto supón unha barreira insalvable.

-¿Que habería que mudar?

-Algo tan simple e tan complexo ao mesmo tempo como mudar a maneira de pensar. Hai que cambiar a maneira de ver ás persoas con discapacidade. Necesitamos certa axuda, alomenos no meu caso, para levar a cabo tarefas de mobilidade pero somos tan capaces como calquera no ámbito laboral ou académico.

-¿Como é ese día a día nunha cadeira de rodas?

-É como o de calquera outra persoa que non a use pero cos problemas propios de mobilidade. Na actualidade conto cunha Asistente Persoal, coa que estou encantada, un certo de número de horas á semán o cal me facilita certa independencia á hora de levar a cabo tarefas da vida cotiá. Por contra boto de menos que se leven a cabo outras axudas para maior independencia como sería proporcionarnos cans de asistencia.

-¿As barreiras arquitectónicas son, no seu caso, unha loita constante?

-Si. Son unha loita constante. Unha rampa que non se pode subir, unha porta moi estreita, novos modelos de cousas que só son funcionais na cabeza dos seus creadores. A lista é case interminable. Malia todo hai que seguir loitando para cun edificio, unha tenda ou un bar entenda cunha rampa queda igual de estética que dúas escaleiras, e que mesmo redundará no seu beneficio ao podermos acceder nós a ditos establecementos e facer gasto nos mesmos. E o que é máis importante, que esas rampas se poidan subir con facilidade xa que, do contrario, continuaremos nas mesmas.

-Vive na aldea, ¿supón dificultades engadidas?

-Eu estou encantada de vivir na aldea. Nacín e crieime na aldea e no tempo que estiven en Santiago estrañei Rodeiro, a miña casa e os animais malia que viña case todas as fins de semana. ¿Máis barreiras aquí? Non son moito de saír pero teño que decir que no que atinxe a pasos de peóns ou aceras atópome máis a gusto en Rodeiro que en Santiago xa que se mellorou ese aspecto.

Deporte e lecer. Non participa en ningunha actividade deportiva, máis alá de actuar como mera espectadora e recoñece

non ser moito de saír.

Proxectos á vista. Centrada actualmente nos seus estudos non desbota iniciarse nalgunha iniciativa se se presenta a ocasión.