Gratitude

Celso Fernández Sanmartín

LALÍN

Willy era un tipo fantástico, tipo quere dicir amigo, e fantástico quere dicir fantástico.

Willy era de feito un prototipo e un arquetipo, pero como pasa en moitos artistas, hai que poñer o verbo en presente, non era, é, porque nos segue servindo de modelo, exemplo e categoría.

Habería moito que falar de que é ser artista no mercado da arte do capitalismo tardío, do mercado veloz, do consumo feroz, na nosa época, onde ser artista pode parecerse a ser futbolista da elite internacional, aspirando a cartos e fama, etc. Willy era doutra maneira de ser, por iso segue sendo inspirador.

É importante coñecer artistas fantásticos como Willy, exemplos de excentricidade, intelixencia e sensibilidade, que hoxe por hoxe, grazas ó traballo incansable de súa irmá Cruz e da Asociación de Amigos da Obra de Willy, especialmente Paío e os irmáns Calvo Ulloa, conséguese que o seu legado se conserve, se espalle e contextualice, e siga sendo actual.

Willy expuxo algunhas pezas en Nova York, na entrada dun hostal no que se quedaba a durmir, entenderon a súa necesidade de artista, porque el sabía falarnos de verdade.

Willy tivo un tempo, unha beca do Concello de Lalín coa que estivo en Roma, e veu cunha obra renovada en materiais: arame, celofán, luces de adorno e envases de produtos de consumo, si, que grande era Willy entendendo e interpretando o noso mundo.

Willy, dunha vez, haberá por aí vinte anos, veu tocar, recitar e cantar para a xente da residencia de persoas maiores Nosa Señora das Dores, e fliparon coa súa arte, a súa música, a súa maneira de presentarse, as súas palabras e a súa sensibilidade.

Si, Willy acompáñanos.