«Esta edición da Feira do Cocido foi un éxito, ben organizada e o pregoeiro de primeirísimo nivel ao igual que os comendadores, especialmente Ramiro Mejuto, de quen dicía meu pai que era un xenio e eu opino o mesmo». É o balance que facía Rafael Cuíña, coordinador de Compromiso por Lalín, onte en Voces do Deza de Radio Voz. Positividade para a edición 58, pero tamén algúns apuntamentos para a reflexión e o posible estudo; «cada vez máis xente me di que dá a sensación de fenda entre actos institucionais, nos que estou, e a festa do pobo e gusta menos o paseíño pola Loriga cara o palco, que eu tamén fixen, pero son cuestións que poden semellar elitistas e diferenciadoras entre a casta política e o pobo».
Insistiu Cuíña que non se trata dunha crítica ao goberno de Crespo, «pero dá a sensación do César entrando en Roma despois de ganar unha batalla cun escravo detrás cunha coroa de loureiro». Invita Cuíña á organización da feira a considerar facer algún cambio ao respecto ao igual, dixo, que ao peche do Lalín Arena para os adestramentos. «Sei que é un multiusos pero o que me proe un pouco son tantos días co Lalín Arena dedicado a tantas actividades á marxe do deporte e os equipos no vello pavillón morrendo de frío. Hai que medir as cousas», dixo.
A moción do PP, «aínda sendo incoherente», apoiada por CxL
A situación de deterioro que presenta a Rolda Leste e o próximo pleno, que se adiantará ao 23, e no que se debatirá unha moción do PP sobre as cuotas de autónomos, foron outras das cuestións tratadas. Para Cuíña un dos erros da Rolda Leste foi facela polo actual trazado; «cando se fixo o seu acondicionamento baixo o meu goberno, algunha empresa dixo que era unha infraestrutura que polas características xeolóxicas do chan non ía ter moita vida útil, e o tempo está a amosalo. O grave deterioro que presenta tamén se debe ao crú inverno e o tráfico que soporta».
O xefe da oposición avanzou que a súa formación apoiará a moción do PP no pleno, pero cuestionou a plena coherencia da mesma. «Un goberno que subiu as taxas municipais aos lalinenses e reclame ao estado que non lle suba a cuota ao autónomo é cando menos curioso. En Lalín está o PP de España pedindo baixada de impostos, o PP de Galicia tamén e o PP de Lalín que sobe impostos. É un pouco incoherente pero votaremos a favor».