Unha das novidades desta vindeira edición da Feira do Cocido de Lalín radica na elaboración dun macro cocido para mil persoas, que se servirá no Lalín Arena o próximo 8 de febreiro, e para o que xa se formalizaron as primeiras reservas. «Algunha familia de Lalín e xente de distintos puntos de Galicia foron os primeiros en formalizar as solicitudes. A noticia saíu o sábado, e ao día seguinte xa tivemos chamadas para reservar», apuntou o cociñeiro Álex Iglesias que con Carlos Brea encargaranse do evento.
Un macro cocido, que custará 42 euros, que pretende manter todos os parámetros de calidade e comodidade que se poden dar en calquera restaurante, avanzou Iglesias. «O chan estará enmoquetado, haberá mesas coa súa mantelería e cubertería, unha barra á entrada para tomar vermú quen o desexe, cocido completo cas súas cinco sobremesas, todo calefactado e cun único turno para que os comensais se tomen o seu tempo para comer».
Alternativa
Para Iglesias é unha riqueza que na contorna se beneficien da Feira do Cocido ofrecendo o prato, «pero é unha mágoa que moitos marchen sen probar o de Lalín por falta de prazas nos nosos restaurantes que, en moitas ocasións, xa están cheos dun ano para outro. Esta é unha oportunidade que se ofrece, e á que se lle viña dando voltas desde anos atrás». A intención é acadar o milleiro de comensais, «e se non chegamos non pasa nada, este é o primeiro ano».