É tal o cansazo e indignación dos comerciantes das Galerías Colón de Lalín pola proliferación de excrementos caninos nas portas dos seus negocios que amósanse dispostos a instalar cámaras de vixianza, co obxecto de poder acabar con estas prácticas incívicas que alteran a normal convivencia na zona. «Antes queremos poñer a situación en coñecemento da Policía Local por se poden dar co dono ou donos das mascotas que nos deixan os regaliños todos os días na galería, e tamén queremos asesorarnos respecto da posibilidade da instalación de cámaras. Non sabemos se as podemos poñer ou non», contan os afectados.
A aparición de deposicións caninas nese céntrico paso lalinense vén de lonxe, apuntan os comerciantes, pero incrementouse sensiblemente despois da celebración das festas patronais das Dores. «Son anos os que levamos padecendo o mesmo problemas, con excrementos tanto na entrada das galerías como ao longo da mesma, pero despois dos festexos a situación empeorou e agora todos os días cando chegamos a abrir os negocios hai deposicións, que procedemos obviamente a limpar pero en ocasións a xente pasa, acaba por pisalas, e queda toda a galería horrible».
Os comerciantes din ter sospeitas respecto da identidade do posible dono da mascota, e insisten sobre a obrigatoriedade existente á hora de recoller as deposicións das mascotas; «non temos nada en contra dos cans, pero si dos propietarios de mascotas que non recollen as súas cacas e non está de máis lembrar que hai un parque canino moi pretiño das galerías, e que só hai que baixar cara ao Paseo do Pontiñas».
Unha mala praxe que está acabando coa paciencia da veciñanza da Colón, pero que non lle é allea a outros moitos comerciantes da vila que colocaron carteis apelando á conciencia cívica.