Carla Capelas: «Piden produto da casa, pero o prezo non sempre convence ao cliente»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

Dende a súa tenda do casco urbano lalinense, vende verduras das hortas máis próximas

26 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O produto ecolóxico e de proximidade cobra cada día máis adeptos, pero non sempre é doado facerse con el nin poder pagar en ocasións os prezos que pide o produtor polo mesmo. Afirmacións que verte Carla Capelas Borges, que dende xaneiro do ano 2023, lle deu forma a unha tenda especializada nese tipo de alimentación aberta ao público no casco urbano lalinense.

—As tendas como a súa están de plena actualidade.

—O certo é que non son ningunha novidade, son moi semellantes ás tendas que antes había en cada unha das nosas aldeas, onde atopabas produtos como os que eu vendo. Aquí podes atopar froita, legumes e verduras, pero tamén conto na tenda cun pequeno espazo con algunha conserva, aceite e galletas para sacar dun apuro nun momento determinado como pasaba na aldea (ri).

—Procura mercar produtos con selo comarcal?

—Sempre que podo. Primeiro intento que sexan da zona do Deza, e senón de Galicia. Tamén teño produto doutras partes de España. É certo que nos atopamos con moitas persoas da zona que teñen hortas moi ben surtidas, sóbralle produto, e antes de tiralo prefiren vendelo. Aquí moitos veciños sacan excedentes das hortas que acaban indo para as casas daqueles que viven no casco urbano e non teñen un cacho de terreo, que son os menos, e tamén aproveitan para vender o que lles sobra. Antes de perder o produto, pois mellor darlle unha saída.

—Nota un incremento na demanda de produtos de proximidade?

—Hai de todo. En xeral búscanse produtos da casa, pero os prezos non sempre convencen aos compradores. De principio o cliente vén na procura de verduras ou froitas que sexan de aquí, que sexan ecolóxicas, sen pesticidas,... o máis naturais posibles, pero unha vez que olla o seu prezo temos clientes que se botan para atrás. Que tamén hai persoas ás que non lle importa o que custe o produto, e só quere que sexa da casa. Xeralmente son alimentos máis caros, pero o sabor non ten nada que ver con froitas, verduras e legumes que veñen de fóra. A tendencia é ir a produto da casa aínda que non sexa perfecto.

—Refírese a que o tomate ou a mazá, por exemplo, poden non presentar un aspecto perfecto?

—Iso é. Os produtos da casa non sempre teñen ese brillo e esa perfección que adoitan presentar outros procedentes doutros países, e que se venden obviamente, pero as persoas que os piden non miran iso.

—A súa clientela ven na procura de algo fixo, ou déixase levar polo que hai de tempada?

—Na miña tenda conviven os dous perfís. Algúns chegan coa idea definida do que queren mercar, e os que cambian de opinión unha vez ven as opcións de produtos que se ofrecen. Inflúe moito o que é de tempada, e logo unha cousa que se nota a cotío é que a clientela acode a mercar a diario. Xa non se compra para varios días, senón que a xente é precavida. Non quere tirar nada ao lixo, ou o menos posible, e por iso entra na tenda a mercar todos os días aquilo que vai cociñar ou necesita para esa xornada en concreto ou como moito para un par de días. A clientela sempre quere levar o produto o máis fresco posible.

—Falaba dos clientes, cal é a súa procedencia maioritariamente?

—A maioría son do pobo, pero tamén conto con clientela das parroquias de Lalín, e doutros concellos da comarca como Rodeiro ou Agolada. Estou moi agradecida pola receptividade que ten a tenda, e mesmo lalinenses da parte máis alta do pobo veñen ata a tenda que se sitúa na parte baixa da vila.

—Incrementou a oferta pola demanda?

—En boa medida si. O cliente vai pedindo, e ti tentas dar resposta a esa necesidade.

«As cestas con froitas son para calquera celebración, non só para visitar un enfermo»

Froitos secos, galletas, latas de conservas e aceites foron aumentando a oferta de D'Aldea en boa medida, como apuntaba Carla, pola demanda da propia clientela que aproveita a variada oferta de froitas, legumes e verduras para facerse cunha compra máis completa. «De feito tamén teño pan, de aquí por suposto, e mesmo estou vendo a posibilidade de introducir algún produto conxelado nun recuncho do establecemento». Unha tenda que vai ampliando oferta en función da propia demanda que se xera, e que conta cunha ampla petición de elaboración de cestas variadas. «Antes só se lle levaba unha cesta con froitas aos enfermos, pero agora teñen saída para calquera celebración», explica.

Aniversarios, onomásticas ou visitas domiciliarias son ocasións para encargar unha cesta; «pode facerse co que se queira, e do prezo que a persoa desexe. Están tendo moitísima demanda, e sobre todo nas xornadas especiais: Día da Nai, do Pai, para a mestra, afillado, madriña, avoa,... Trátase dun regalo útil e orixinal, e a xente está apostando moito polas cestas. Nos últimos meses fixen unhas cantas (ri)».

Unha tenda que é tamén punto de encontro dos veciños e na que se socializa. «Hai necesidade de falar, e aquí aproveitan para comunicarse, como se facía antes nos ultramarinos que tiñamos en cada unha das nosas parroquias, cando non había dous ou tres, e nos que tanto se poñía un café como se vendía unha folla de bacallau. Que bonito sería recuperar esas tendas todas nas aldeas», lembra. Mentres non se materializa o desexo de Carla réstalle seguir ampliando o negocio, atendendo á fiel clientela «coa que me sinto moi a gusto. Gústame estar traballando de cara ao público, pero non tanto afrontar as cargas económicas que teño como autónoma».