Será o 29 con misa, procesión, xantar e un recoñecemento ao traballo silencioso
10 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Promover unha festa na que xuntarse todos os membros da congregación lalinense é o obxectivo co que nace a primeira Festa da Parroquia de Lalín, que se celebrará o vindeiro día 29, na honra ao compatrono parroquial: o Sagrado Corazón de Xesús. «Tivemos claro, dende o momento que plantexamos esta festa, que se faría ao compatrono da parroquia pola devoción que lle tiña moita xente como o propio Ramón Aller, e polo que seguimos mantendo novena e misa», comenta o párroco de Lalín Marcos Torres.
A diferenza do que se viña facendo ata o momento, a Festa da Parroquia será ao mediodía comezando con misa, procesión dende a Praza da Igrexa ata ao Regueiriño, acompañada pola Banda de Prado, e xantar de confraternidade na explanada da zona dos xulgados. «Á eucaristía e á procesión poden asistir todas aquelas persoas que o desexe, pero para o xantar é preciso retirar a pertinente tarxeta antes do 20 de xuño». O xantar ten un prezo de 30 anos, e as tarxetas están xa á venda nas dependencias da sancristía lalinense, tanto polas mañás como polas tardes. «Aquelas persoas que queiran estar no xantar pero non poidan asistir por unha cuestión económica, que saiban que se habilitou un fondo especial para dar resposta a iso. Non vai quedar fóra ninguén por esa cuestión, só é preciso que se poñan en contacto comigo», afirma Torres.
Unha Festa da Parroquia de Lalín que se pretende manter no tempo, e que se aproveitará tamén para recoñecer o traballo silencioso de moitas persoas. «Hai caras detrás de moitos actos solidarios que se levan a cabo ao longo de todo o ano no pobo, persoas que traballan en Cáritas, pola parroquia e que consideramos que hai que tributarlle un recoñecemento especial por ese traballo aínda que só sexa un día». A intención do párroco lalinense é poder celebrar xa un primeiro recoñecemento nesta primeira edición da festa, que nesta ocasión terá lugar ao mesmo día en que se conmemora a festividade do Sagrado Corazón -29 de xuño- pero que podería sufrir algún cambio de data en vindeiras edicións. «A festa queremos seguir con ela todos os anos, pero esperaremos a rematar esta primeira edición para facer unha valoración, e aí xa miraremos se a fixamos sempre para un mesmo día ou se apostamos por algún cambio. Polo de agora é pronto para pechalo», puntualiza Torres.