O BNG lalinense solicita o arranxo integral da Rolda Este

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

A arteria, que alivia a circulación do centro, acusa deterioro

27 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Bloque Nacionalista Galego de Lalín acaba de solicitar o arranxo integral da Rolda Este debido ao estado de deterioro que presenta ao longo de toda a súa lonxitude. Para o responsable de organización da formación nacionalista, Manuel Carbón, trátase dunha estrada moi transitado ao soportar o tráfico da trama urbana ao funcionar como eixe vertebrador. Lembrou que a última actuación íntegral do vial remóntase ao ano 2016, «foi o cuadripartito o que a acometeu, e desde aquelas os distintos gobernos do PP non fixeron nada para frear o deterioro manifesto no que se atopa», mencionou.

Carbón acusou ao goberno local de mentir ao anunciar o 9 de abril do pasado exercicio que ía acometer traballos de acondicionamento para evitar «os trastornos que a día de hoxe somos conscientes que ten», pedindo desculpas á cidadanía polo estado da estrada, e que incluso a financiamento «implicaría a outras administracións superiores», cando a realidade, case un ano despois, é ben distinta según asegurou o responsable de organización, «empeorando moito máis o estado do mesmo desde que se fixo dito anuncio».

Unha situación da Rolda Este cuxo deterioro progresivo se está agravando polo inverno, según avanzan os nacionalistas á vista do plantexamento técnico do trazado que así o evidencia, «ao punto de considerar que está afectando ás capas inferiores do firme, polo que vai rematando co colapso total do mesmo». Apuntan desde o BNG que a Rolda Este é unha arteria clave para o tráfico da vila, aliviando a circulación do centro urbano e facilitando o acceso a distintas zonas comerciais, sanitarias e industrias, así como a estradas de competencia galega ou estatal.