A explosión de luz e cor de Wily

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Adrián Freiría

Unha sala ateigada de xente, de amigos e creadores, expresa o cariño e a forza da súa obra na presentación do catálogo da mostra do museo Aller

09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A sala principal do museo municipal Ramón María Aller de Lalín estaba onte ateigada de xente, de aqueles que compartiron vivencias e amizade, de aqueles que compartiron paixón pola arte, paixón pola terra, paixón pola alegría de vivir. Con Wily como eixe dunha celebración, a de reivindicar a súa obra, a súa figura como creador multidisciplinar. Persoa e personaxe querido e admirado, como o demostrou o acto de onte no que saia a luz o catálogo da exposición a piques de rematar, Wily, sempre Wily.

Unha obra que vai moito máis alá da simple reprodución das obras expostas. Unha publicación que recolle artigos, reflexións e comentarios de amigos, artistas e xentes que coñeceron a Wily o a súas esculturas trazadas a golpe de motoserra, tinguidas de cores primarios. No acto a actual concelleira de Cultura, Paz Pérez, citou o cariño de Lalín a Wily e a súa familia, a un artista irrepetible e que deixou fonda pegada.

O historiador da cultura galega, Felipe Senén López, de quen reproducimos o seu artigo do libro na seguinte páxina da Voz, falou de Lalín como encrucillada de camiños, onde medra a cultura, e da mestura do mundo estranxeiro e de aquí que fixo Wily. E falou dos parladoiros de A Solaina, do espírito que caracteriza a esta terra, das destas, das romarías,... Destacou de Antonio Taboada Ferradás, de Wily, que tiña o sentido da intuición xunto aos outros cinco. «A arte quixo a Wily, a Laxeiro, a Sucasas, pola forza da terra e as súas raíces», dixo, para destacar a explosión de cor, de luz na obra do artista de Botos, que coa motoserra sacaba o espírito interior dun carballo, porque tiña os pés na terra e nas súas obras, como fan as árbores, buscaba a luz. Foi, afirmou, o contrafío creador a unha sociedade tan rutinaria como a que vivimos, para subliñar que a vida de Wily é unha novela.

Unha gran ovación pechou a súa intervención para falar despois a irmán de Wily, Cruz Taboada. Agradeceu ao Concello o apoio para levar adiante a mostra e o catálogo, así como o traballo de outras persoas, en especial Damián Paío, Miguel e Ángel Calvo Ulloa, xunto aos autores dos textos do libro e as persoas que cederon obra para a exposición. Dixo que era un paso máis para poñer en valor o seu legado e pechou coa lectura dun dos seus poemas.

Cesión dunha obra ao Concello

Pechou o acto o alcalde, quen destacou a afluencia de xente ao acto, sinal do respecto ao artista e a súa familia, en especial a Cruz, e por defender o que é noso, «nunha labor ás veces de titáns». Destacou José Crespo o peso de Lalín e a comarca no mundo das artes plásticas, referencia obrigada en Galicia, para comentar a exposición no Reina Sofía de Madrid en torno a Valle Inclán, con obras de Laxeiro, para lembrar as peripecias que viviu O Naranxo, que acabou na Universidade cando o destino inicial do cadro era o Concello. E agradeceu a cesión dunha escultura de Wily por parte da familia.