Que Lalín queremos?

Rafael Cuíña

LALÍN

Lía estes días sobre unha nova agresión nun local de ocio nocturno na nosa Vila, por parte de energúmenos covardes, capaces de sacar un cinto e bater nun rapaz que o maior pecado que cometeu foi vir ao noso pobo a competir no deporte.

É absolutamente intolerable que a día de hoxe campen ás súas anchas elementos que se comportan como se estivésemos no Far West, e que dende unha atalaia de inmoralidade, pensen que poden repartir a xustiza libremente, como se dos Lexionarios de Cristo Rey durante a Transición española, estivésemos a falar.

Teño costume as fins de semana de socializar moito en Lalín, saudar aos amigos, veciños, tomar un viño con eles tranquilamente, e conversar sobre unha morea de cousas, de moitas das cales seguramente non teñamos idea... mais iso si, observo aos mozos e mozas deambular, e non aprecio grandes diferencias con respecto ao que faciamos a miña xeración nos anos 90, iso si, sen estar pegados a un móbil.

Son unha xuventude dinámica, agarimosa e afable, que non pode permitir que indesexables manchen o nome do noso pobo con actitudes máis propias de homínidos de Altamira hai miles de anos.

Teño a máxima confianza nas forzas de seguridade do Estado, e sei que dende a súa profesionalidade virá a solución, mais a sociedade civil tamén ten que xogar un papel fundamental mostrando a súa condena a quen agrede, e o seu desprezo a quen o pretende tapar, pois tampouco para isto deben haber lalinenses que pensen que están por riba do ben e do mal, como semella demasiadas veces.

O fácil é botar a culpa a colectivos de persoas que veñen doutros lares, poñendo unha venda nos ollos para non recoñecer que parte da hidra ten apelidos de moi cerca, e dormen a súa indecencia en parroquias non moi afastadas, dende as que se desprazan con nocturnidade e presunta alevosía a eliminar frustracións existenciais batendo nos demais, seguramente por unha masculinidade acomplexada e mal entendida.

Lalín é un pobo de mozos e mozas nos que podemos confiar, que seguramente son mellores que xeracións anteriores, con máis acceso á formación, e con máis posibilidade de coñecer outras culturas, que é unha excelente base para chegar a ser persoas de probeito, mais dende aquí pídolles que non calen ante os abusos duns poucos, e que os marxinen socialmente, porque nos seus guetos, -sendo eu probablemente demasiado optimista-, ao mellor un día danse conta que a lixo que son agora, pódese reconducir. Por moi tarde que pareza.

Ou non?