Xa é mala sorte que xusto o ano que o goberno local asume o papel de ramista nas festas das Dores vai e sae mal. Ben é certo que comezar unha celebración cunha mala noticia é un mal presaxio. Tampouco axuda a ristra de polémicas previas: un cartel uniforme, a concentración das actuacións no mesmo punto, a pouca presenza da cultura local, etc. Sen dúbida, a marcha dos feirantes pola desfeita do goberno foi un pau duro, creo que solventado dun xeito correcto (de cara á galería, iso si). O monotema encheu as conversas de toda a veciñanza ao longo dos cinco días, ata fixo saír ao alcalde do seu toco para tratar de contar a súa «verdade» usando, como non, unha canle privada para comunicar unha mensaxe pública, algo ao que xa estamos afeitos. «Yo soy así, y así seguiré, nunca cambiaré». E aínda así, xuntando todo, creo que hai factores máis relevantes que explican o por que estas festas foron cativeiras.
Antes de nada, unha cousa. Cando vou por aí adiante e sae na conversa de onde son a xente sempre menta, con sorna ou con complicidade, dous nomes propios: Cocido e Xosé Cuíña. Tenme pasado en multitude de lugares e asumo que é algo xeralizado. Estes dous son buque insignia, para o bo e para o malo, do que representa Lalín polo mundo adiante. Ámbolos dous conseguiron crear a imaxe do noso concello e ciscala polo territorio, creando unha marca, situando a Lalín no mapa.
Retomo o anterior. Considero que o desastre das Dores 2024 aséntase en dous factores: o modelo e a actitude. O primeiro é inexistente, o goberno local non ten unha dirección do que quere, aboia na auga coma unha cortiza de sobreira, vai alá onde o leven. E creo que non é algo exclusivo deste evento senón que se estende ao resto da política cultural. Ao non haber un plan, unha idea, trátase de ir saíndo do paso. O segundo é antesala do primeiro; hai que querer e despois inventar e materializar, buscando, como non, a distinción. Mentres outras vilas como Narón, O Porriño, Vilagarcía ou mesmo Arzúa vanse adaptando aos tempos, ofrecendo unha programación cultural variada e moderna, nós imos quedando atrás. Porque facemos festas para pasalo ben, pero tamén para sacar peito e mirarnos con orgullo diante do resto da contorna. As Dores deberían ser proa. Pola contra, nos últimos anos, as patronais pasan sen pena nin gloria cun cartel de corrido e sen vida, coma quen come mañá, tarde e noite sopas.
Dígoo sinceramente, hai un mal que se estende, unha desgana, e pode que teña que ver co capitán do barco. Quizais o peso deste apoucamento recaia nun director que se move con desidia, cansado polo paso do tempo e que xa non ten esa chispa de outrora. Semella que todo é un trámite. E eu non digo que non se lle poña empeño, que non se traballe arreo, constato que algo falla e sumo razóns á demostración. Fai falla abrir a fiestra e deixar que entre aire fresco. Fan falla novas ideas para saír deste estancamento, e virar así o rumbo da institución. Hai que darlle oportunidades á xente nova e escoitar a quen entende, a quen viviu moitas épocas, non botar sempre a mirada aos acólitos. Ás veces só hai que probar e ver que sae. E tamén, algo moi importante, transparencia, cando as cousas se fan ben e se explican, sobra o xogo de dividir en bandos ou pedir recomendacións. Somos adultos e queremos o beneficio para todo o mundo. Se nos vai ben a todos vaille ben a Lalín.