José Antonio Rodríguez: «Na área delimitada figuran unhas 200 casas unifamiliares»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MIGUEL SOUTO

O colectivo veciñal lalinense, xurdido a raíz do San Xoán do ano pasado, fixa un primeiro encontro e capta asociados

25 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A celebración do San Xoán do ano pasado puxo os alicerces para constituír a Asociación de Veciños Pena Aguda de Lalín, que acaba de iniciar oficialmente a súa andaina, e traballa xa na vindeira edición da lumeira do 23 de xuño. José Antonio Rodríguez faise cargo da secretaría da asociación que preside Antonio Lamas, e ten a Nicanor Rodríguez na vicepresidencia da nova entidade lalinense.

—O San Xoán fixo pois xermolar esta idea asociativa.

—Así foi. Fai un ano tratamos de falar cos veciños para ver se eramos capaces de organizar algo para o San Xoán, e a resposta dos habitantes desta zona alta do casco urbano da vila foi fantástica. Comprobamos que había ilusión por parte de todos, a festa saíu ben, e xa nos dixeron que había que facer máis cousas, pero de xeito individual non se podían facer. Así foi como xurdiu a idea de constituír unha asociación de veciños.

—Delimitaron zonas á hora de captar futuros socios ou está aberta a asociación a todo o pobo?

—Pensamos en delimitar unha zona. Un dos obxectivos da asociación é defender os intereses dos veciños, ser a súa voz e poder recoller as necesidades para trasladalas aos organismos correspondentes, e cremos que non tiña sentido abrila sen delimitar unha área de actuación. Marcámola, aínda que pode moverse, dende a Rolda Leste cara arriba pola zona de Salgueiriños, Lagazós, Rúa 1,... Deixamos fóra Outeiro e Agruchave por exemplo, que xa teñen identidade propia, e marcamos vivendas unifamiliares tendo en conta que os edificios xa contemplan as súas propias comunidades.

—Según a área que estableceron, cantas vivendas unifamiliares abarcan?

—Na área delimitada, que como dicía pode ser modificada en calquera momento, figuran unhas duascentas casas unifamiliares, pero o dato exacto do número de residentes en cada un dos núcleos ou dos posibles asociados terémolo dentro dun ano.

—O máis inmediato dentro das primeiros iniciativas, facer socios e celebrar o San Xoán?

—Si. Abrimos as redes sociais para captar socios, e as persoas que o desexen poderán formalizar a súa anotación o mesmo día da festa do San Xoán se lle resulta máis cómodo, que niso andamos agora mesmo. O próximo día 2 de xuño celebraremos un primeiro encontro cos veciños para falar da asociación e os seus obxectivos, e tamén do San Xoán que estará aberto a todos.