Andadura galega federada e Paco Martos, citas da Feira do Cabalo

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Lalín abre esta fin de semana as propostas de eventos ecuestres de Galicia, cun amplo e variado programa

26 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega a XXXIV edición da Feira do Cabalo de Lalín e faino con dúas xornadas ateigadas de propostas, baixo a organización da Asociación Cabaleiros de Lalín. Un evento, no que colabora o Concello de Lalín, e que presenta nesta edición dúas importantes novidades no programa: a celebración mañá (15 horas) da proba de Andadura Galega Federada, e o domingo (17 horas) o espectáculo ecuestre de Paco Martos. «A andadura trae moita xente do mundo do cabalo de Galicia, na que se prevé participen uns 150 animais, e Paco Marcos é un cordobés que introduce no seu espectáculo a dezaoito cabalos, aguias e lobos. Pensamos que, ao igual que pasou nos últimos anos con Santi Serra; cuxos espectáculos sempre enchen aí onde vai e xa o consideramos un lalinense máis, hai que darlle oportunidade a outras persoas e Paco Martos chama moito a atención», segundo explicou Javier Cuíña, presidente da Asociación Cabaleiros de Lalín.

A feira arrancará mañá sábado ás 9.30 coa recepción de participantes, para dar paso aos diferentes concursos que están fixados para a primeira parte da xornada sabatina: morfolóxico de eguas cruzadas de máis de 3 anos (11.00 horas), cabalos cruzados de máis de 3 anos (11.30 horas), e ao mediodía comezarán os morfolóxicos oficiais da XXIII Copa Galicia de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega. Antes da parada para o xantar, que se prevé para as 14.00 horas, haberá unha presentación e exhibición dos exercicios de doma de alta escola con cabalos de pura raza galega ofrecidos pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego dentro das accións do programa Feader «Europa inviste no rural», Xunta de Galicia, Ministerio de Agricultura en colaboración cos organizadores do evento ecuestre.

Despois das probas de Andadura Galega Federada, «que se farán nunha lonxitude de 100 metros e nas proximidades do consistorio, continuaremos cos concursos morfolóxicos ata as sete e media da tarde en que se entregarán os premios correspondentes aos concursos do sábado da feira», apuntou Cuíña.

Ruta ecuestre o domingo

O segundo día da Feira do Cabalo contempla a celebración dunha ruta ecuestre, como ven sendo tradicional todos os anos, para dar paso seguidamente aos concursos morfolóxicos que se distribuirán ao longo de toda a mañá; comezando con poldros de pura raza árabe ata 3 anos cumpridos, e rematando cos cabalos de pura raza árabe de tres anos en adiante. O premio especial para raza árabe, dotado con 150 euros, entregarase ao fío das 16 horas para continuar cos galardóns de cruzados, pura raza española e pura raza árabe, dotados cada un deles con 150 euros.

O espectáculo de Paco Martos e a entrega de premios pechará dúas xornadas moi intensas ás que se prevé asistan centos de visitantes e afeccionados «ao tratarse dunha das primeiras citas destas características que hai en Galicia. Lalín abre o calendario de concursos e a xente está desexosa de velos», comentou Javier Cuíña.