Hai tempo que engadín un quefacer novo aos que xa ateigan a miña vida diaria. Trátase de desmontar as mentiras, contradicións e cambios de opinión do alcalde de Lalín. Igual que o seu líder, Feijoo, Crespo minte mirando á cara. E iso é perigoso, porque ou cre as súas propias mentiras ou non lle importa o que pense a xente.
Días atrás vimos como se desmentía a si mesmo no caso da cesión do ambulatorio ao Concello cando quede sen uso. Desde o grupo municipal do PSdeG levamos esta proposta ao pleno de marzo. Chamounos indocumentados, dixo que a cesión era inviable e que arranxar o edificio valería «unha pasta». No pleno de setembro sentou na mesma cadeira e dixo que xa comezara a negociar a cesión coa Xunta e co Ministerio. A obra pasou a ser «pouco custosa». Mentiu. Seguimos agardando desculpas.
Hoxe o alcalde volve entoar o «documéntense!». Dío porque lle solicitamos respeto polo patrimonio cultural e polo rural despois de que converteran o cruceiro de Xaxán nunha illa viaria. Nós non podemos facer outra cousa que responder coa mesma moeda: documéntese señor Crespo, documéntese!.
Chapuza
Evidentemente o primeiro que fixemos foi mirar a antigüidade e o nivel de protección da peza. Que unha obra artística non sexa recente non quere dicir que sexa merecente de tal chapuza. Vostede faríalle o mesmo á escultura dedicada a Laxeiro por ser do 1997? Por que llo fai entón ao cruceiro que está emprazado en Xaxán? O que queda claro é que non teñen vostedes ningunha sensibilidade polo coidado urbanístico e patrimonial do rural.
Ademais, o asfaltado e a pintura da «illeta» ao redor do cruceiro non é do ano 2015 como deixa caer, senón de agosto deste mesmo ano. Volve mentir.
Sen proxecto para Lalín, escudarse na mentira é inaceptable. Quizais desde Madrid non sexa consciente da realidade da nosa vila. Deixe de enganar e de manipular, señor Crespo.