Chora Codeseda!

Manuel Blanco Villar

LALÍN

08 abr 2023 . Actualizado a las 17:25 h.

Unha vez máis, Codeseda está de loito polo pasamento do noso veciño, colaborador e gran amigo Fernando Varela Gómez, tamén coñecido por “Barrocas”. Demasiadas mortes, a un ritmo insoportable para unha pequena aldea como a nosa, na que faleceron 6 persoas nos últimos 5 anos (Lola, Manolo, Amparo, Carmiña, Julio e agora Fernando), agravado pola ausencia de nacementos e novas xeracións, como acontece en todo o rural galego.

Se a morte resulta sempre incomprensible e triste para todo ser humano, por moita fe que teñamos, sei por experiencia propia que aínda é moito máis dolorosa, cando se trata dunha persoa nova, sana, aberta, alegre e xovial, que se vai de súpeto na plenitude da súa vida, coma neste caso. Vaia dende aquí o maior dos agarimos e o máximo apoio para a súa dona Blanca, a súas fillas Ylenia e Iria, o seu pai Isolino, e os seus irmáns, Pilar, Julia, Vicente e Javier, unha familia tan querida por todos.

A base de moita ilusión, esforzo, traballo e tesón, este auténtico emprendedor foi quen, non só de manter a flote, senón de ampliar a súa empresa “Carpintería Varela, S.L.” e ademais constituír outra nova, “Monte Merlín, S.L” coa creación de varios postos de traballo, superando as circunstancias máis adversas, como a crise económica e a pandemia da COVID-19, dignificando a súa profesión e facendo dela o seu medio de vida, e ademais na súa terra á que tanto quería, e aínda lle quedaba tempo para cultivar nos ratos libres a xa famosa “Horta de Fer”, compartindo os seus produtos de gran calidade con toda a veciñanza.

Xente así é a que precisamos para o desenrolo integral deste xardín do Edén no que temos a fortuna de habitar, pero por desgraza, neste intre só nos queda facer pública a nosa inmensa gratitude pola súa lealdade e espírito de colaboración durante tantos anos co Museo Casa do Patrón e tamén co progreso e a mellora deste pequeno recuncho galego chamado Codeseda, no que decidiu vivir, asumindo como propias labores como a Malla Tradicional, na que tanto levamos traballado, e tamén divertido xuntos. Botaremos de menos a súa bota de viño, para regar as secas gorxas dos malladores e gardaremos sempre o mellor dos recordos dunha persoa tan profesional, conciliadora, colaboradora e solidaria.

Pero sen dúbida, polo que máis recordaremos a Fernando, será pola súa familiaridade innata, xa que, por moito traballo e problemas que tivera, sacaba da chistera tempo para charlar, tomar algo, comer, ou ir de caza e de pesca cos seus amigos. Era unha persoa moi orixinal, que sempre estaba a troulear cos veciños, en especial cos nenos. Para historia quedarán xa a súa “Lenda do Ferretín”, recollida no libro do Museo, ou a súa célebre frase “Quen anda aí?”, moi anterior ao programa da TVG con este mesmo nome, coa que sorprendía a todas horas ás miñas netas, que a levarán gravada por sempre no seu corazón.

Coma se dunha premonición se tratara, o pasado día 19 de marzo, día do San José, despois de escoitar a misa na capela de Codeseda con advocación á Sagrada Familia, fomos a comer a súa casa, como parte da familia que sempre nos consideramos, e parafraseando a un amigo común que tamén nos deixou fai uns anos, comentamos que “estabamos a celebrar o simple feito de estar vivos, xuntos e en harmonía, como tantas outras veces”. Que fermoso xeito de despedirse!

Foi unha verdadeira honra e todo un privilexio compartir tantos proxectos e ilusións, pero sobre todo, tantas horas alegres contigo, meu caro amigo, e aínda que todos nós botaremos de menos cada día a túa alegría natural, o teu contaxioso sorriso, acompañados sempre dunha enorme cordialidade, alívianos a seguridade de que xa estarás instalado noutra dimensión, ofrecendo coma sempre a túa casa, na que ninguén se sente forasteiro, á cuxa porta petaremos o día menos pensado, porque non debemos esquecer que “a morte non é unha luz que se extingue, tan só é unha luz que se apaga porque acaba de saír o sol”.

Ata sempre, querido Fernando!