Tráxico final dun dos corzos do Pontiñas

Daniel González Alén

LALÍN

Daniel González Alén

Foi atropelado na avenida Xosé Cuíña de Lalín

04 feb 2023 . Actualizado a las 14:54 h.

O pasado venres, a primeira hora da tarde, un vehículo atropelou na Avenida de Xosé Cuiña de Lalín a un dos corzos da grea de catro exemplares que dende hai uns oito anos teñen refuxio e mantenza nas inmediacións do Paseo Fluvial do Pontiñas. O animal, un fermoso e ben mantido exemplar adulto, presentaba un forte impacto na cabeza o que lle debeu causar a morte, quedando tendido no chan ata que os servizos municipais se fixeron cargo del.

A manda de catro corzos do Pontiñas, fora retratada pacendo tranquilamente a beira do río polo amigo Javi López Cuiña na primavera de 2017 e malia que son esquivos coa xente, algúns veciños  téñenos ollado no paseo fluvial entre Filgueiroa e O Espiño.  Segundo nos informou o propio Javi, hai tempo morreu outro exemplar de xeito semellante na estrada N-525 en termos do Espiño.

Ollando o corzo morto traxicamente nesta avenida lalinense case se nos viñeron as bagoas aos ollos. Dos catro exemplares da grea do Pontiñas, xa só quedan dous. Por desgraza as estradas, son verdadeiros corredores da morte para a fauna salvaxe.