Impresionante!

Manuel Blanco

LALÍN

Ese é o termo que mellor describe o enorme despregue de medios materias e humanos que tivo lugar ás 9.30 horas, na soleada mañá do venres, que tamén puido ser tráxica senón fora pola experiencia, profesionalidade e serenidade do condutor, no lugar de Santomé, na parroquia lalinense de Vilanova, cando envorcou un autobús con 37 nenos e 3 profesores do instituto Chano Piñeiro de Forcarei que se dirixía a visitar o Museo Casa do Patrón de Codeseda e facer ruta de sendeirismo.

En poucos minutos, o lugar estaba repleto de efectivos da Garda Civil de Tráfico, Policía Local, Protección Civil de Lalín, Bombeiros do Deza, persoal sanitario con dúas ambulancias medicalizadas e un helicóptero, profesores e persoal directivo do instituto de Forcarei, que xunto a numerosos veciños de Doade e Vilanova, persoal da finca de Mouriscade e representantes do Concello de Lalín, que se multiplicaron para socorrer aos afectados, facilitando a súa rápida saída do autobús sinistrado, prestando os primeiros auxilios aos feridos, tranquilizando aos cativos e posteriormente axudando ás grúas con tractores, para volver o autobús á estrada.

Como todo accidente, foi un suceso imprevisto é casual, nunha estrada pola que pasan a diario dende hai anos buses escolares e de excursións, que afortunadamente só rematou con tres nenos e un profesor feridos de carácter leve, que foron atendidos e dados de alta polos servizos médicos do centro de atención primaria de Lalín.

Deusa fortuna

A deusa fortuna acompañounos no pasado venres, protexendo o máis sagrado da sociedade que son os nosos nenos, neste caso veciños do municipio de Forcarei, que axiña os teremos de novo por estes lares.

Aínda que me deitei co temor de revivir en soños o accidente da morte da miña nai, como sempre me acontece, onte levanteime coa inmensa tranquilidade de vivir nunha terra que conta cunha lexión de profesionais e voluntarios para axudar sempre aos demais, cando resulte necesario, como unha vez máis quedou ben demostrado o venres no accidente do autobús.

Mil grazas a todos!.