A propósito da restauración de Ponte dos Cabalos

Nicolás González

LALÍN

Araíz da polémica xurdida por mor das escaleiras que se constrúen no marco da restauración da Ponte dos Cabalos, monumento civil de máis de 1.000 anos, inxustamente esquencido ata o punto de atoparse en perigo de derrubamento, gustaríame lembrar que en 2015 desde o Goberno municipal de Lalín en colaboración co Concello de Agolada decidimos poñernos mans a obra para salvala.

Unha restauración deste tipo, que inclúe varias administracións, precisa de numerosos trámites: convenios, proxectos, financiamento, etc. e por suposto dunha sucesión de

validacións e permisos. Non menos de dez técnicos especialistas revisaron o proxecto ata ser autorizado. Equipos multidisciplinares compostos por arquitectos/as, arqueólogos/as e historiadores/as con carreiras profesionais solventes. O meu recoñecemento aos que fan posible a obra. Antes e agora.

Confeso que chamaron a miña a atención as fotos das escaleiras en obras. Tras consultar cos arquitectos e co alcalde ,quen defendeu a obra a pesares das presións, as explicacións recibidas fanme presaxiar un resultado moi satisfactorio de todo o conxunto da restauración . Nese momento rematou a polémica para min. Toca deixar facer a quen expón a súa profesión e modo de vida no seu propio pobo. Como responsable político sei que as críticas son necesarias e temos que aceptalas, pero un xa vai sabendo demasiado como para calar e revólvese cando se ataca a profesionais superando certos límites . Os insultos e descualificacións son inxustificables.

Esta obra forma parte dun conxunto de accións que se interrelacionan entre sí iniciadas en 2015 polo Goberno entrante e financiadas maioritariamente con fondos europeos a través do Lalín Ssuma 21 e do ADR-Pontevedra Norte neste caso, poñendo de relevo a importancia de colaboración entre administracións.

Compre poñer por diante como crucial unha iniciativa cen por cen lalinense, sen axudas exteriores. Roteiros de Lalín, exemplo de colaboración social e institucional transformadora, grazas á que hoxe desfrutamos dunha extensa rede que potencia os mellores valores naturais e patrimoniais do noso Concello. Os seus percorridos entrelázanse co novo Cinto Verde, onde un pode aventurarse cara ao Pazo de Liñares e Ponte Taboada ou cara á «tumba celta», tantos anos esquecida, e continuar ata a Ponte dos Cabalos, salvada xa dunha posible ruína. A través das sendas do Cinto Verde tamén poderemos movernos entre carballeiras ata o núcleo de Donramiro onde se vai rehabilitar o conxunto histórico da Igrexa e castro. Poderemos pasear con total seguridade polas novas sendas do Rodo, Xaxán ou Goiás encamiñándonos ata o conxunto histórico de Lalín de Arriba, hoxe en obras de rehabilitación.

Esta actuación será a presentación de Lalín para os peregrinos do Camiño de Inverno, que ten que ser un dos revitalizadores do casco. Co Paseo do Pontiñas como eixo central, a nosa vila ,dispón de maiores posibilidades para desfrutar da súa contorna, circunstancia que se evidenciou prioritaria nesta pandemia. Compre lembrar que non descubrimos valores como Donramiro ou Lalín de Arriba ,que sempre estiveron aí, como a Ponte dos Cabalos, pero había que mirar por eles. Non bastaba con falar deles. Boas festas.