Homenaxe aos fundadores de La Robleda, na Santa Marta de 2021

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

A festividade deste ano cinguirase a misa e cea na carballeira

17 jul 2020 . Actualizado a las 22:12 h.

A patroa dos hostaleiros non quedará este ano, malia esta situación de pandemia, sin celebración na súa festividade. Como cada 29 de xullo, e xa van 22 edicións, Lalín honraraa aínda que cun programa de actividades un chisco máis reducido. «Non queremos que se perda a festa da patroa e decidimos mantela, aínda que será máis pequena e con todas as medidas sanitarias preceptivas», apunta dende a comisión organizadora o seu tesoureiro Amalio González Moure.

Unha festividade de Santa Marta que por tradición, e dende a súa primeira edición, homenaxea a hostaleiros do municipio; a esas persoas que dende os seus bares, cafeterías ou fondas significaron unha parte importante da historia deste pobo. Pero nesta ocasión, e por primeira vez nos máis de vinte anos de celebracións da Santa Marta non haberá homenaxe ao haberse acordado pospoñela para o ano que vén debido ás restriccións sanitarias que imperaran. Os fundadores da parrillada La Robleda de Vilatuxe, Eladio Rodríguez Villardefrancos e a súa muller Irene Louzao Ferradás, recentemente falecida, serán homenaxeados para o próximo 2021. «Tiñamos pensado facerlle a homenaxe a Eladio este ano pero a situación non nos permite contar con moita xente, despois faleceu a súa muller,... falamos coa familia e acordamos que era mellor deixalo para o vindeiro ano e homenaxear aos dous cun programa xa completo». A comisión xa decidiu incluso quen será o homenaxeado para o 2022, que será nesa edición Manolo do Empalme.

A Santa Marta do próximo 29 de xullo sí manterá un pasarrúas por Lalín, do que se encargará unha charanga, e misa na Carballeira do Montserrat a partir das 20.30 horas. Por outra banda, como é habitual, contarase con servizo de pulpeiro e mesas no campo para os que queiran cear. «É necesario facer unha reserva previa, tanto da cea coma da mesa, xa que este ano non imos vender tarxetas como fixemos todos os anos e hai que manter as distancias de seguridade», insiste Amalio González. A noite estará amenizada por Pachi e unha charanga e membros de Protección Civil encargaranse de que se manteñan as medidas de protección. «Colocaranse cadeiras na carballeira para que a xente poida sentarse, disporase de xel e haberá que acudir con máscaras».