Unha oposición responsable

Rafael Cuíña RECANTO

LALÍN

09 may 2020 . Actualizado a las 14:21 h.

En tempos difíciles, como os que por desgraza aínda están a comezar en Lalín, agroman sempre sentimentos primitivos na política, nos que sempre entran tentacións darwinianas nos próceres, de tentar o máis forte rematar co pequeno.

En Lalín os distintos partidos que conforman a Corporación municipal fuximos de esas tentacións, e decidimos traballar xuntos para trazar liñas rectas cara a recuperación económica do noso Concello, priorizando a protección dos máis débiles, -que en caso de non existir esa colaboración, serían ringleiras tortas, que so alimentarían o ego de uns e outros-, mentres a veciñanza miraría para nós defraudada, cando non indignada. «Parimos» a criatura que se deu por chamar «Lalín por Vir», convencidos que será unha ferramenta que sirva de valado para intentar ralentizar unha crise económica, que a día de hoxe mantén nas UCI económicas, a todo o noso sector produtivo, e en risco de exclusión a unha cantidade insospeitada de veciños, que ate hai pouco nunca pensaron en que ían ter que parar esta situación.

No momento de sentarnos na mesa de negociación, algúns propuxemos que o primeiro que tiña que quedar cuberto, eran aquelas persoas que tanto antes da pandemia, como agora ex novo, non poden cubrir as súas necesidades básicas. Para iso destínanse fondos por unha cantidade inicial de 250.000 euros, co compromiso de aumentalos, en caso de necesidade. Pequeno comercio, PEMES e autónomos, xa teñen enriba da mesa axudas concretas por parte do Concello, ante a ausencia de noticias de outras administracións como a Xunta de Galicia, máis preocupada de facer oposición a Madrid, que en resolver os problemas dos galegos, en unha crise de unhas dimensións que non se coñecen, dende o remate da Guerra Civil. Haberá no futuro que incrementar partidas, redimensionar plans, e renunciar a proxectos por parte do actual goberno de Lalín, porque se non temos os pés no chan, poderíamos enfrontarnos a novos problemas de presente e futuro, que ninguén quere.

Que a oposición sexa leal en estes momentos, non significa que lle estea «lavando a cara» a ninguén, nin que non teñamos claro que o goberno de Lalín tardou demasiado en reaccionar; mais a evidencia dita que a veciñanza en estes momentos non quere leas, senón unidade, e aínda que haxa bordos, que so se solucionan con xenerosidade e pragmatismo, o obxectivo non é outro que traballar para que Lalín saia o antes posible, de unha situación na que nunca pensou estar.