«O indispensable nas mascotas é a hixiene moito máis que a estética»

Amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rober Amado

Levar os animais de compañía ás perruquerías óllase agora como unha práctica normal

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mudaron os tempos, e moito, nisto de levar as mascotas ás perruquerías caninas avanza Rocío Couto Feijoó (Donramiro-Lalín) ao comezo da entrevista. E do tema sabe bastante. Con doce anos de experiencia laboral ás costas lembra aínda aqueles pasos reticentes de donos de cans «que tiñan moitos reparos a que os viran entrar á perruquería».

-Pero entendo que se comezou a funcionar a perruquería canina sería pola demanda?

-Claro. Demanda había pero era unha novidade todo isto doce anos atrás e pensábase que era algo elitista como pasaba tamén coa clínica e con levar as mascotas ao veterinario, e mesmo había certo reparos de que te viran ir á perruquería co teu can. Iso xa non pasa.

-Temos claro os servizos que se prestan nunha perruquería canina?

-Poden existir algunhas dúbidas. Estamos para proporcionar coidados hixiénicos e estéticos ás mascotas. O primeiro e o indispensable nas mascotas é a hixiene e a limpeza moito máis que a estética.

-Dende o punto de vista pois da hixiene e limpeza, ¿con que periodicidade se deben bañar os cans?

-Como norma xeral podemos falar dun baño ao mes pero vai variar segundo o animal, o tamaño do mesmo... Bañalos máis dunha vez ao mes non é moi recomendable xa que se lle elimina a graxa protectora da pel. Os cans que mudan o pelo, por exemplo, hai que axudarlles con cepillados frecuentes á marxe dos baños. Aqueles que teñen nós tamén é preciso quitarllos, non é o mesmo un can que viva nun piso que aquel que está nunha finca ou no xardín... Logo está a necesidade de cortarlles as uñas para que non se lle craven nas almohadillas... Se o animal sae e está chovendo cunha boa limpeza de patas sería suficiente... O que non se pode obviar é que hai que cepillalos sempre ben xa que se elimina boa parte da sucidade que ten o animal.

-Para os cachorros exactamente a mesma práctica?

-Efectivamente. Sempre lle comento aos clientes que pensen que os cachorros son coma bebés; que precisan de baño, auga quentiña e calor. É certo que hai unha lenda urbana que di que os cachorros non deben de lavarse ata certa idade pero é mentira precisan do baño coma os bebés. Ningún pai deixaría un bebé sin lavar varios meses (risas); pois os cachorriños tampouco. É importante secalos ben despois dun baño quentiño para que non lles baixe a temperatura corporal.

-Cales son as pautas básicas de hixiene nun can?

-Primeiro o cepillado antes do baño con auga quente e xabón ou champú para cans, que os hai de todo tipo, e logo un bo secado con toalla e secador. Canto máis seco quede mellor xa que a tendencia do can é a rebozarse logo en terra, por exemplo, ao querer impregnarse dun olor máis forte que do xabón ou champú co que os lavamos.

-Cans que participan en competicións de beleza pasan tamén pola súa perruquería?

-Non. A clientela é variada, procedente de todos os concellos da comarca de Deza e de Antas de Ulla, pero non teño ningunha con animais en concursos de beleza.

-Revistas especializadas amosan tintes especiais para mascotas ou pinta uñas, ¿pedíronlle algo disto?

-Teño constancia efectivamente de tintes especiais para cans e tamén dos pinta uñas pero aquí ninguén me pediu nada desas características.

-É certo que atende coellos?

-Si. Son coellos enanos con pelo largo que hai que cortarlle ao igual que as uñas.