Con ampla presenza dos seus amigos do Deza arroupando á súa familia
04 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Foise José Luis Sucasas de súpeto o pasado sábado. Onte pola tarde recibía sepultura no cemiterio parroquial de Vilanova de Arousa, nunha cerimonia fúnebre na que o quixeron acompañar os seus amigos e compañeiros da comarca que o viu nacer. Moita xente de Lalín, que compartira traballo político no BNG, dende Francisco Vilariño a Fernando Pereira Pío, José Luis González, Carbón, Mario Pereira, María José Buján, Manuel García, de Vilanova. Tamén compañeiros doutros municipios da comarca dezá que aprezaban a Sucasas, como a silledense Carme Fidalgo, Xoánn Blanco de Vila de Cruces ou Alfonso Fernández, de Agolada. Tamén o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña Aparicio, e o concelleiro Miguel Medela estiveron no último adeus a un galego de corazón xeneroso nado en Cadrón hai 57 anos, acompañando á súa dona Mercedes Janeiro, e aos seus familiares: de seus pais a seus irmáns e sobriños.
O Concello de Lalín deu por finalizados os dous días de loito oficial por quen fora concelleiro da corporación municipal entre xaneiro de 2012 e maio de 2015. E, máis alá da súa faceta política activa, un home da cultura que impulsara na capital dezá o foro cultural Pai Arnego, que trouxera a relevantes personalidades da cultura galega a Lalín. Un eido no que Sucasas deixa un oco coa súa marcha: un xenuino representante da mellor retranca no seu labor como articulista, e autor tamén de obras de ficción.