«O Rugbi Lalín vive un cambio de ciclo pero houbese querido seguir»

LALÍN

m. s.< / span>

As súas costas dixeron basta e deixa iste deporte despois da pasada tempada en branco

22 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dezaoito anos despois a campá avisa e toca parar. Máis ben as súas costas foron as que repicaron xa fai tempo. Unha hernia deixou a pasada tempada sen un minuto de xogo a Juan Folla, o capitán do Coreti Rugbi Lalín. E tomou unha decisión ingrata porque aos seus 33 anos esperaba aínda estar algún tempo máis activo neste deporte. Pero non poderá ser por prescrición médica. E xa preparan os seus compañeiros unha homenaxe para o día 2 de xullo.

-¿Foi difícil tomar a decisión de deixar o rugbi?

-Si. Despois de dezaoito anos hai que deixalo pero eu esperaba estar aínda tres ou catro tempadas máis. Pero tiven dor nas costas xa ao final a liga 2014-2015 e derivou nunha hernia. E despois de estar en branco toda a tempada 2015-2016 os médicos recomendan que non practique rugbi e por iso tomei a decisión. A min houbérame gustado seguir aínda algún tempo máis pero a saúde é o primeiro.

-¿Cómo recalou neste deporte?

-Foi con quince anos, alá polo 98. Xa o fixen tarde pero pola esa época non había unha estrutura como agora dende máis cativos. Foi un compañeiro, Cochón, quen falou de probar e o fixen. Gustoume o rugbi e ata agora.

-Empezou como xuvenil.

-Si, pero xa con quince ou dezaseis anos xogabas cos sénior.

-¿O seu primeiro adestrador?

-Lembro que foi Otero, despois chegou Panteira e xa foi unha época de máis aprendizaxe.

-O 2 de xullo haberá unha homenaxe. ¿A esperaba?

-Estou moi contenta por esta mostra de cariño que ao final e o que queda na memoria. O rugbi é un deporte diferente a outros. No fútbol acaban os partidos e cada equipo marcha para a súa casa. Nós temos o terceiro tempo, vas co contrario a festexar, é moi diferente.

-Nesta longa etapa no Lalín exerceu moitos anos de capitán.

-Non lembro cantos foro, sete ou oito anos.

-¿Cómo evolucionaron os abellóns neste tempo no club?

-Ao principio era todo para adiante e a xogar. Despois chegaron los Santi -fala de Santi Amorín e Santi Castro- e os sistemas de xogo, estratexias,... foi un paso adiante importante.

-¿Houbo moitas lesións neste deporte de tanto contacto?

-A verdade é que non. Algún parón pequeno por esguinces ou así. Só agora ao final a hernia nas costas que obrígame á retirada.

-¿Qué momentos recorda máis?

-Hai moitos. Había un grupo de xente moi boa, como Monti. Gañamos a Liga Xuvenil. Tamén lembro a final da Copa despois de vencer por primeira vez ao CRAT da Coruña nas semifinais, o ascenso de Salamanca,... Hai bos recordos.

-¿O rugbi deulle moito?

-Deume moito máis do que eu din a este deporte, porque os valores quedan aí de por vida.

-Xogada en terceira liña.

-Si, principalmente na terceira liña como flánker.

-Santi Castro, Agustín Crespo, vostede,... moitos veteranos deixan o equipo.

-Santi tiña xa dende fai tempo problemas nun xeonllo e Agustín prefire optar por outros deportes. As prioridades para moito van cambiando. Toca facer renovación pero soben seis ou sete xuvenís para a vindeira campaña. O Rugbi Lalín vive un cambio de ciclo pero eu houbese querido seguir.

-Toca apoiar a unha nova xeración no céspede.

-Claro. Sempre foi unha piña o equipo, como cando dimos o salto fai xa moitos anos algúns. Agora xa quedan poucos de entón como Mario, Piñeiro,...