«A baixada de consumo en xeral é o maior problema que ten o comercio»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

José Manuel Bouzón lidera o plan de acción comercial en Lalín.
José Manuel Bouzón lidera o plan de acción comercial en Lalín.

José Manuel Bouzón, de Bouzón Consultores, encárgase do desenvolvemento do Plan Estratéxico de Acción Comercial de Lalín encargado por AED e Concello

19 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada semana presentouse na Asociación de Empresarios de Deza (AED) o Plan Estratéxico de Acción Comercial de Lalín, ao que o Concello destina unha achega de 20.000 euros, e que se desenvolverá en dúas fases. Plan que correrá a cargo de Bouzón Consultores, empresa especializada en aspectos de mercadotecnia relacionados co comercio, da que José Manuel Bouzón é formador e consultor.

-¿Como se estructurará o plan de traballo que porán en marcha?

-É un plan co que teremos un coñecemento real do que está pasando agora mesmo no comercio lalinense e, para elo, comprenderá varias fases: primeiro farase un estudo da oferta inicial cunha elaboración de censo comercial e entrevistas aos comerciantes para saber dende as súas ópticas que opinan respecto da súa situación. Levarase a cabo tamén unha enquisa a consumidores e logo virá o diagnóstico comercial, unha analise urbanística comercial para rematar cunha proposta de acción e actuación para a posta en marcha do plan.

-¿Que data barallan para oficializar a posta en marcha deste proxecto?

-Xa comezamos a traballar no plan. A pasada semana presentouse o mesmo e, despois da información, entramos coa fase de traballo de campo e de recompilación de datos. Unha primeira fase que agardamos poder entregar na terceira semana de xullo. A intención é iniciar as enquisas a consumidores antes do verán. É un plan extenso e amplo no que se analizarán tamén os tránsitos que se dan entre rúas.

-¿Cal é a finalidade última de toda esta iniciativa?

-Dar a coñecer as demandas e os problemas reais que existen no sector e logo que se apliquen dinámicas específicas. O que está claro é que os consumidores mudan a un ritmo tremendo os seus hábitos de compra. A tecnoloxía fai que compremos dun xeito moi diferente a como se facía antes.

-A peonalización de rúas continúa a ser un dos asuntos sobre os que non existe unha postura unánime do comercio. ¿Entende que se debería apostar por peonalizar ou non?

-Salientar que o estudo non se fai para ver a viabilidade de zonas peonís senón que é unha consecuencia das mesmas. Hai datos, e datos contrastados, que afirman que naquelas vilas nas que se aposto pola peonalización de rúas a afluencia de público e de vendas medrou. Vilagarcía por poñer un exemplo, que é unha localidade de semellantes características ás que ten Lalín, leva dende o ano 1997 con este tipo de actuacións e acabamos de saber recentemente que vai poñer en marcha a cuarta actuación de peonalización. As zonas peonís favorecen ao comercio e insisto que son datos contrastados. É certo tamén que as peonalizacións teñen que conlevar unha serie de melloras tanto en accesibilidade coma en aparcadoiros, entre outras cousas.

-¿Cal é actualmente a maior eiva que ten o sector comercio?

-A situación económica que se está a dar cunha importante baixada de consumo a nivel xeral é o maior problema que está a ter o comercio. Situación que debería de obrigar ao sector a reprantexarse determinadas iniciativas, valorar potencialidades e apostar polas mesmas.

josé manuel bouzón formador de bouzón consultores