A asemblea xeral de socios do Club Juan Oliveira de Lalín elexiu a Silvia Lorenzo como nova presidenta do centro
23 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O Club Hípico Juan Oliveira celebrou asemblea xeral de socios, nas súas instalacións en Mouriscade, na que se procedeu á designación dunha nova directiva despois da renuncia de Ana Pedrouzo a continuar ao fronte da presidencia, malia que se fará cargo da secretaría do club nesta nova andaina. Silvia Lorenzo Mato é agora a nova presidenta, a vicepresidencia recaeu en Verónica Presas Riveiro, Antonio Otero Toimil é o tesoureiro e como vogais figuran Daniel Gómez Abeledo, Antonio Gómez Novoa, Javier Otero Fernández e Natalia García Martínez.
-¿Unha liña de traballo semellante á que se viña mantendo?
-Traballaremos nos mesmos obxectivos que é fomentar a práctica deste deporte, que engancha, entre os nenos e tamén nos adultos. Existe un acordo coas Ampas dos colexios de Lalín para que os cativos poidan escoller a hípica como actividade extraescolar e a idea é continuar nesa mesma liña. A hípica ten porta de entrada pero non de saída; cando entras neste mundo xa non saes.
-¿Cantos animais teñen nas instalacións?
-Vintecinco entre pupilaxe e cesión, que son os que usan os rapaces para as clases. Ensinanzas que corren a cargo dous dous monitores cos que contamos no centro: Óscar de la Torre, técnico de equitación e xuiz territorial de doma clásica, e Alba Fariña.
-¿Chegan próximas citas de concursos no almanaque?
-Falta un pouco. Para o 8 de maio está previsto un concurso de doma clásica e tamén se estuda a participación nunha liga interclubes. Agora estamos centrados na renovación de socios, que se fai de xeito anual, entre os meses de febreiro e marzo. Xa imos por 45 asociados e pensamos chegar ao cento coma o ano pasado.