Muros que agochan unha historia dun cuarto de século

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

A Residencia As Dores de Lalín conmemora hoxe a efeméride cunha misa, lembrando a benefactores e residentes falecidos

19 dic 2014 . Actualizado a las 05:09 h.

Asentada en pleno casco urbán lalinense, a Residencia Nosa Señora das Dores abriu as súas portas no ano 1989. Un centro pequeno, con trinta prazas, que xurdía para tentar dar resposta ás necesidades dos maiores do municipio. Pronto se fixo necesario pensar en ampliar as instalacións primixenias ante a crecente demanda que se prantexaba dese tipo de servizo entre a poboación lalinense. «As reformas chegarían no 2003 e logo no 2011. Leváronse a cabo importantes ampliacións de servizos; como foi a posta en marcha do centro de día, e a profesionalización do persoal así como o abano de actuacións que medraron co decorrer do tempo. Na actualidade a residencia conta con 76 prazas para residentes e dez máis no centro de día, e un plantel de traballadores de corenta persoas entre coidadoras, xerocultoras, equipo médico, traballadora social, educadora, fisioterapeuta e persoal de cociña», explica a directora do centro María José Batán.

O xeriátrico cumpre vintecinco anos de funcionamento. Unha efeméride que se conmemorará hoxe cun acto de recoñecemento aos fundadores da Asociación para a Protección dos Anciáns de Lalín e a súa Comarca (Apalc) e «a todos aqueles que xa non están. Pretendemos que sexa un acto familiar, que comezará ás cinco, e no que homenaxearemos tamén aos residentes que levan aquí vintecinco anos como é o caso de José María Iglesias». Celebrarase unha misa na capela da residencia con participación activa de residentes, con lecturas especiais e ofrendas, e non faltará un concerto.

A directiva da residencia aproveitará tamén o acto do vintecinco aniversario -ao que se prevé asistan unhas 200 persoas- para presentarlle aos asistentes o pin e a imaxe corporativa da residencia. Un centro que, a xuizo da súa directora, debe de manter a súa condición de residencia familiar. «Apostamos polo trato humano prestándolle aos anciáns toda a atención que se merecen. Esta é unha residencia con vida e alegría malia que hai grandes dependentes que requiren de moitos coidados».

O centro que conta actualmente cun 100 % de ocupación non desiste en continuar medrando, e farao no ano 2015. «Hai espazo para habilitar coa edificación actual nove prazas máis no segundo andar. O proxecto xa está ben avanzado e se vai segundo o previsto xa poderemos dispoñer desas prazas no ano que ven».