Dezaoito anos percorrendo as feiras galegas dá para constantar a evolución das mesmas ao longo dos anos.
-¿Se cambiaron as feiras? Moito. O máis significativo é o feito de que agora, e duns anos para acá, as feiras son só de mañán. Polas tardes xa non se rexistra ningún tipo de actividade e logo os estranxeiros son os que copan maioritariamente os postos nas feiras. Que conste que non teño nada en contra deles. É só unha realidade do que está a pasar en toda Galicia.
-¿A que se debe que a actividade se centre en media xornada?
-Non o sei con exactitude. Agora as feiras ás 14.30 horas, ou como moito, ás 15.00 horas están rematadas; e cando digo rematadas digo que nós xa recollemos os postos, xa que á unha e media xa non queda ninguén mercando na feira. Eu non son precisamente das que poña o posto moi cediño xa que teño dous nenos pequenos, pero o normal é estar entre as nove e ata as dúas e media.
-¿É caro manter un posto?
-É ben caro. As vendas baixaron e non che queda outra máis que pagar pola instalación do teu posto. Bueno, non todos pagan... Antes, había pobos nos que non che cobraban nada por montar e hoxendía penso que, de todas as feiras ás que vou, só en Palas de Rei non se cobran taxas por ubicación. En A Bandeira, por exemplo, non se cobraba pero dende o ano pasado tamén hai que facer un abono por instalación. Logo, nalgúns concellos son taxas que se poden ir asumindo pero noutros son ben elevadas. Lalín e Monterroso son os concellos que teñen as taxas máis altas, polo menos dos que eu fago. Eu, por exemplo, teño seis metros de ocupación e pago 10 euros. En Vila de Cruces, coa mesma ocupación de terreo, son 3 euros. Poden pensar algúns que non é moito desembolso pero hai que pensar que son 18 emplazamentos ao mes e que as vendas non se semellan en nada ás de anos pasados.